Prólogo de Marqués de Lozoya
Unha lectura de «Himno al roble», escrita en Madrid en 1976.
José de Valbuxán, o meu admirado pintor e poeta José de Valbuxán —“Yosso” para a Arte—, crea con este HIMNO AL ROBLE o poema épico por excelencia do pobo celta, e un dos máis fermosos de cantos xamais se escribiron.
Aínda que despois de lelo o seu belo título se nos aparece plenamente xustificado e claro, o HIMNO AL ROBLE non é outra cousa que un himno ao sangue, un canto a Galicia, un monumento ao seu pobo, á súa xente, á súa raza.
O esforzo intelixente e tenso do poeta evócanos maxistralmente o pasado. Vai enfiando harmoniosamente sensacións e descricións dun infinito poder de suxestión, acumulando imaxes en galope incesante. As súas alusións descobren vastos coñecementos. Así é como con voz grande e profunda esperta a historia durmida dun pobo que estaba agardando este sopro épico, e así é como cunha ambición arroladora resucita un dos máis altos xéneros literarios.
Cada liña soa magnificamente. Pola súa sonoridade lembra a poesía de Rubén. Pero aquí é distinto. Versos desde tres ata dezaoito sílabas combínanse desordenadamente —unha desorde sabiamente ordenada—, conservando unha sonoridade incrible, unha profunda graza musical, unha espontánea, flexible e divina modulación, rebordante de maxestade. Ademais, aquí todo é sinxelo; poesía pura, directa e espontánea, espida. Os versos flúen, libres da tiranía das formas, cunha axilidade descoñecida, cun ritmo e unha métrica novos, que crean e enriquecen.
Compoñen o HIMNO AL ROBLE cinco cantos, cinco sinfonías maxistrais, formadas por varios grupos de versos onde se van desenvolvendo pensamentos e accións perfectamente enfiadas. Despois de desbordarse romanticamente no primeiro, traza no segundo un verdadeiro cadro de costumes, vivo e palpitante, amplo e panteísta. Vén logo a terra encantada, as bruxas, a Santa Compaña, os lobos, …e cunha forza arrebatadora chega, patético e heroico, o canto cuarto, onde mesturados co fragor da batalla e os bramidos da tormenta se escoitan verdadeiros berros de rebelión. Todo, para chegar á maxestade e dignidade do final.
Ademais o ritmo, ás veces pausado e cheo de harmonía, ás veces vertixinoso e desbordante, a mesma onomatopea das palabras dá a sensación do que se vai dicindo.
Se en POEMAS DE LA INTIMIDAD é o poeta do amor, o poeta íntimo e confidencial; se en HORAS DE CENIZA é o poeta atormentado e triste; se en DULCES RECUERDOS o SÓLO SE ES JOVEN UNA VEZ é o poeta doce e lírico, un dos líricos máis puros e profundos; e se en SAUDADE E MORRIÑA ou DOR DE LONXANÍA é o poeta do pobo, ou —como ben di o escritor Celso Emilio Ferreiro no prólogo— vén ser o eco da sensibilidade popular; no HIMNO AL ROBLE é o poeta épico, o poeta rebelde e apaixonado.
José de Valbuxán chega con este poema ao cume da súa produción literaria, quizais a súa obra mestra, á que nin el mesmo, novo aínda, poderá dificilmente superar. Pero dáse o caso paradoxal de que a súa obra —exceptuando un reducido círculo de amizades— non é coñecida; e loxicamente non é coñecida sinxelamente por non ter sido publicada. Parte da culpa é súa, ou case toda, por tardar tanto tempo en decidirse, en comprender que a súa obra xa non lle pertencía, que era patrimonio universal e que debía dala a coñecer aínda a costa de deixar de par en par as portas e fiestras do seu mundo interior. Agora, claro está, atópase coas dificultades inherentes a toda primeira publicación, máxime se é poética, previsiblemente nada rendible economicamente e destinada de antemán a un grupo tan reducido de lectores. Afortunados lectores que así se farán partícipes dun novo, rico, interesantísimo e suxestivo mundo interior.
Pero o tempo pasará e quedarán estas pegadas perennes feitas co Amor e a Dor dunha pobre vida —a pobre vida dun gran pintor e dun gran poeta— que se sentía libre malia as cadeas.
EL MARQUÉS DE LOZOYA
Madrid, 29-III-76