← Itinerario poético

Prólogo de Celso Emilio Ferreiro

Unha lectura de «Himno al roble», escrita en Madrid en 1976.

Este extenso e ambicioso poema de insólita orixinalidade é non só un reencontro co home e a paisaxe e a historia de Galicia e exaltación deles senón e sobre todo unha afirmación nacional e racial. Do noso espírito, da nosa identidade.

Prestancia, louzanía, excepcional beleza, intensa forza creadora… Ritmo poético, cadencia perfecta, “swing”.

É o sopro épico que Galicia necesitaba. E desde logo o poema épico que mellor a representa. Quizais sexa tamén o único. Un canto universal, definitivo. Que xorde poderoso, diáfano e torrencialmente imaxinativo. E só se lle podería achacar o non estar feito en galego ou só para galegos —cousa que se remedia facilmente cunha puntual versión ou cambio de soporte—, senón para todo o mundo, para todos: ou quizais especialmente para os non galegos: Para que así se decaten.

Pero neste marabilloso cadro ou poema non serei eu quen se interese por ese dourado soporte ou marco de maior audiencia, amplitude e universalidade que o contén, senón polo intenso e rico contido, cheo de ímpeto e grandiosidade, e esas acertadas pinceladas, luminosas, limpas e expresivas que nos introducen de cheo na mellor pintura épica.

Ademais, quéirase ou non, é clara a súa simboloxía política e patriótica; un simbolismo nacional que, expresado no carballo, se acentúa con claras alusións ao mítico e glorioso pasado, ou claras ameazas —“que nadie la toque…”—, ou claros chamamentos —“¡Adelante! ¡Adelante!…”— para que —“Ante el peligro…”—, ou chegado o caso, se estea sempre presto a erguerse, a unirse, a emprender novamente a loita, de liberación nacional ou liberación total.

Clásico e moderno, forte e vitalista, emocionante, rebelde, apaixonado, épico e romántico, e dunha sonoridade incrible, onomatopeica, un poema tan especial, “case” perfecto, como o HIMNO AL ROBLE, non deixa porén de lembrarme que José de Valbuxán, poeta, é tamén o pintor “Yosso”, do que vimos xa tres magníficas exposicións aquí en Madrid: exposicións onde a súa obra persoalísima, “clásica e moderna” ao mesmo tempo, se ofrecía aos nosos ollos como a máis sensible e delicada das pinturas, verdadeiramente como unha lección de refinamento incomparable. Deslumbrante como os seus cisnes. E unha das máis auténticas. Dixen.

Celso Emilio Ferreiro

Madrid 1976