← Pintura e debuxo

Irradiante pintura

Valentín Paz Andrade. Unha lectura da luz e da paisaxe que sitúa a pintura de Yosso en relación coa súa terra.

Paz Andrade

PINTURA IRRADIANTE

Eu avanzo só, por camiños que ninguén abriu antes…

MIGUEL ÁNGEL

A creación artística é unha longa e penosa andaina persoal, un longo e difícil camiño de buscas, tenteos, ensaios e erros persoais, que se traducen non en tal ou cal estilo ou maneira de facer constante ou uniforme, senón en numerosas experiencias plásticas e épocas ou etapas tan difíciles de apreciar en toda evolución ou traxectoria artística, que obras dun mesmo período poden ser clasificadas de xeitos moi distintos.

Como, pois, atreverse a poñer etiquetas?

Como, pois, resumir a realidade e complexidade dunha creación artística?

“Cada cadro de Yosso é un estado de ánimo”, escribiu Celso Emilio Ferreiro.

Como, pois, sintetizar ou encerrar en poucas palabras tan rica e variada personalidade artística?

“Gran pintor, de moi variada personalidade. Cadaquén o cualifica ou clasifica á súa maneira e arrímao ás súas preferencias. Pero na Arte a clasificación pouco importa, senón a obra. E a de Yosso é fóra de serie”, dise no diario “Informaciones”.

Yosso en cada cadro crea, recrea, inventa a pintura, coma se cada cadro fose o único ou xa o último da súa vida, compendio da súa arte ou a súa obra mestra. E en cada cadro sorpréndenos con toques xeniais e solucións persoais a problemas concretos. Ora co lenzo en posición horizontal deixa caer e estende unhas pingas de augarrás polo azul acabado de pintar do ceo para conseguir as nubes, ora esmiúza cunha coitela ou navalla restos de pintura seca no bordo dos tubos ou na paleta que así aplica logo á aínda húmida cortiza ou troncos das árbores para darlles aínda máis rugosidades e relevos e por iso mesmo tamén máis forza e expresión, ou xa esparexe area finísima por pedras e paredes tamén acabadas de pintar para facelas aínda máis verdadeiras, …e outros recursos xeniais así sobre a marcha, pero sobre todo aí están por gran parte da súa obra esas pinceladas soltas e atrevidas que se veñen pouco a pouco e por primeira vez na historia da pintura agrandando e alongando separadamente cara aos primeiros planos ou, ao revés, desde os primeiros planos decrecendo ata perderse alá polos fondos luminosos dos seus cadros, agasallándonos así coas máis novas, as máis orixinais, as máis claras e as máis puras perspectivas.

Estamos, pois, ante unha nova maneira de concibir o espazo, ante unha nova maneira de representar o espazo, de construír o espazo, ante unha nova linguaxe, ante unha obra enteiramente orixinal, ante un auténtico creador, Yosso, cun novo estilo, un estilo propio, un estilo único, só seu, persoal e intransferible, como o do Bosco só do Bosco, o de Rembrandt só de Rembrandt, o do Greco só do Greco, o de Renoir só de Renoir ou o de Van Gogh só de Van Gogh e o de Modigliani só de Modigliani. Un novo estilo que Gerardo Diego e o Marqués de Lozoya souberon detectar e explicar moi ben, eles os primeiros.

Novo estilo, por outra parte, lento e custoso, aínda que aparente todo o contrario. Pero non hai maior mérito que trocar ou facernos ver fácil o difícil.

Intensa, vehemente, fervorosamente, con paixón, con amor infinito, con paciencia infinita, pero tamén con esa “evidente mestría” que a crítica máis esixente e especializada lle recoñece, Yosso é capaz de entregarse, entrégase, enteiramente á súa obra, á súa arte, por amor á arte, sen pedir por iso nada a cambio, nunha case imposible, incrible pintura “pura”, pintura pola pintura, arte pola arte.

Cada calculada pincelada, unha apaixonada caricia, un bico, consciente, lúcido, pero á vez tenro e emocionado. “Posúe unha das pinturas máis emocionantes”, escribiu José Camón Aznar. Tenrura e emoción, frescura e zumarencia, á par de tanta esixencia, tanto vigor e tanta mestría —con Yosso realízase o milagre e coexisten—, fluidez, vida, estremecemento, a flor de pel, polas súas pradarías e trigais, polas súas arboredas e montañas, nas súas paisaxes inventadas, polos seus estanques, pola pel do mar e do ceo e de todas as superficies e corpos que nos ofrecen os seus cadros con eses toques, latexos, pulsacións, golpes ou caricias, valentes pinceladas soltas e irradiantes que se agrandan progresivamente en cadencia desbordante.

“Como en ondadas ou superficies movedizas”. Cara a nós. Irradiando. Construídas pero á vez libres e intuitivas. Descubrindo un universo de novas dimensións.

Unha nova maneira de construír o espazo, unha nova dimensión, unha nova emoción plástica e espacial na que non só as cores afastan, o azul, ou aproximan, o amarelo, ou son puro sentimento ou estado de ánimo, como en Van Gogh, senón que en Yosso a mesma pincelada cada vez maior ou menor, gradualmente progresiva ou regresiva, tamén afasta ou aproxima e dá a profundidade, a perspectiva, e mesmo en cada cor distintas perspectivas. Novas e variadas perspectivas no mesmo cadro. E iso é o que Yosso nos ofrece, polo menos en gran parte dos seus cadros: pinceladas que separadamente se veñen agrandando e alongando cara aos primeiros planos, ou ao revés. Pinceladas cunha realidade autónoma. “E Yosso o primeiro e único en ofrecérnolas así”, como di Gerardo Diego.

E xa polo resto dos seus cadros tamén a súa utilización das cores puras aplicadas directamente sobre a tea con pinceladas moi expresivas e recreando a realidade tráennos o recordo dos seus pintores máis queridos, e así, xunto a clasicismos e realismos, afastadas características impresionistas, divisionistas, expresionistas, sintetistas, fauves e todo o mellor do mellor de todos os estilos.

Pintor illado innovador, robinsón solitario, libre, inconformista, esixente, coma procurando expresarse e expresar sempre o máximo co mínimo de materia pictórica, na súa busca de orixinalidade, de máis mérito, de perspectivas complicadas, de relevos e profundidades, de efectismo, de efectos de luz, de claridade, de harmonía, e da máxima beleza e perfección posibles, e de todos os demais valores que fan eterna e viva a pintura…, Yosso un día decatouse, pintando alá polo sur de Francia, Narbona, Arles, Marsella, 1974, de que con pinceladas soltas e así dispostas de menor a maior medrando cara aos primeiros planos xa non tiña que preocuparse por conseguir o que sempre intentaba en todo, a profundidade, as perspectivas, porque esas mesmas pinceladas así dispostas gradualmente xa construían sen máis o espazo e daban a sensación de profundidade. A cousa que en Yosso deveu totalmente instintiva, casual ou espontánea non podía ser máis sinxela, pero a verdade é que ninguén ata agora o fixera ou se atrevera a tanto: ninguén en toda a historia da pintura se servira ou valera desas pinceladas soltas así distribuídas para que por si mesmas nos desen xa a perspectiva.

Interesantísima, orixinal, innovadora e, polo tanto, revolucionaria, a pintura de Yosso entra porén polos ollos e chéganos á alma. Escribe Trabazo: “É unha pintura fermosísima, única, inesquecible, representativa, coloquial. Unha pintura vital, e de expresión moi nova. Recreada con amor pero sen présa. Obra lenta. De aí que sexa escasa. E quizais tamén o de non facer exposicións, xa que a reserva na medida do posible. Pero unha vez que se coñece prefírese, non sei por que, pero é tamén o que lles pasa a aqueles que me falaron dela”.

Pero como este gran solitario se move en círculos tan reducidos, pero como este gran creador solitario, clásico e moderno a un tempo, intemporal, camiña e faise ao andar o seu propio, diferente e nunca tripado camiño, estilo, á parte, único, só seu, pero como este gran camiñante solitario di a súa canción só para quen consigo vai, e totalmente por libre, fóra das modas e á marxe dos centros oficiais de poder, de diñeiro e de cultura e das persoas que os representan e dirixen —cultura oficial, co poder, cultura dirixida—, Yosso, “un pintor distinto e a súa pintura unha pintura diferente a todas, un pintor distinto, creador dun estilo diferente”, como dicía Celso Emilio Ferreiro, sofre sen oportunidades o seu illamento, o seu abandono, marxinación e esquecemento “oficiais”, e a súa obra tanto pictórica como poética seguirá sen publicar, sen expoñer, e así será máis tardiamente coñecida e recoñecida e, polo tanto, amada polo gran público.

Pero claro, Yosso tamén tería que cambiar algo —o caso é que por iso non cambiase tamén a súa pintura—, saír do seu mundo, pintar tamén para vender, facer exposicións, mostrar a súa obra “tan persoal e tan distinta a todas”, darse a coñecer —tamén contra todo e contra todos—, prodigarse máis. Aínda que temo que isto non vai con Yosso. Pero queira ou non el e queiran ou non eses outros que hoxe o marxinan, algún día ou pouco a pouco a súa obra “impar e reconfortante”, con tanta carga de contido, tanta cociña, tanto traballo, tanto esmero e coidado, tanta entrega e tanta arte e tanta autenticidade, responderá por el. Abrirá camiño, como o que el mesmo abriu en solitario na Pintura. E permanecerá xa para sempre a súa pintura entre as máis interesantes, puras, limpas e fermosas de por aquí, de alá e de calquera parte. E tamén entre as máis orixinais e perfectas.

E permanecerá por moitas cousas, pero sobre todo ou máis por introducir na Pintura esa novidade ou atrevemento de valerse da pincelada solta ou claramente delimitada e agrandándose e alongándose pouco a pouco ou gradualmente sobre outras capas de cores máis ou menos lisas ou uniformes, creando así unha nova perspectiva, unha nova dimensión e un novo medio de expresión. Unha nova linguaxe. Porque a vantaxe plástica deste procedemento é que el o utiliza como unha nova linguaxe. El o primeiro así. E é que non só hai novidades ou se fai vangarda nas capitais ou grandes cidades, senón en calquera parte polo mundo adiante, alá onde chegue a luz.

Si. Nas cidades hai paxaros, cirrios, pardais e pombas, aves de cidade, pero quen queira buscar unha ave de fermosas cores e marabilloso canto e mesmo outras de altos voos terá que perderse por apartadas, silenciosas e agochadas paraxes e montañas como as paisaxes tan puras, limpas e luminosas nas que Yosso vive e que con tanto amor e mestría sublima nos seus cadros.

“Eu avanzo por camiños que ninguén abriu antes”, dicía Miguel Ángel, e Yosso podería dicir o mesmo por similitudes de carácter e moitas cousas arriba ditas, sobre todo por esa maneira súa única de representar ou construír o espazo a base de toques soltos que pouco a pouco e separadamente medran e se alongan en pinceladas a medida que se nos achegan. “En perspectivas nunca ata agora así logradas”. E ampliando así os horizontes da Pintura.

VALENTÍN PAZ ANDRADE

Vigo, 1979