Ao descubrimento dunha nova pintura
M. Hermida Balado. Un ensaio extenso sobre a técnica, a cor e a perspectiva. Os seus apartados permiten percorrer o argumento por temas.
Neste texto
- M. Hermida Balado
- UNHA NOVA VISIÓN, UNHA NOVA CANLE EXPRESIVA
- UNHA NOVA MANEIRA DE FACER PINTURA
- UNHA OBRA MÚLTIPLE, APAIXONANTE E LIBERADORA
- “YOSSO” NACEU EN FRANCIA
- AUTENTICIDADE E LIBERDADE
- O SEU PROPIO ESTILO
- REALISMO ENTERNECIDO
- A COR E A LUZ SON O SEU PODERÍO
- DIFERENTES ETAPAS
- NA ARTE, A CLASIFICACIÓN POUCO IMPORTA, SENÓN A OBRA: E A DE YOSSO É FÓRA DE SERIE
- RESUMO DE TODO O DITO
M. Hermida Balado
UNHA NOVA VISIÓN, UNHA NOVA CANLE EXPRESIVA
Un artista ten que estar, todo el, na súa obra. Facer unha obra sen sentila é prostituírse.
PICASSO
Chegar á pintura de Yosso, á súa pintura “tan verdadeira”, —pintura “ATMOSFÉRICA”, “DIMENSIONAL”, ou realismo “ENTERNECIDO”, como se lle chamou—, é como achegarnos ou aproximarnos á súa propia pel, porque nela desde logo Yosso deixou a pel e toda a súa vida. Ou, mellor dito, a metade da súa vida. Pois a outra metade levouna a poesía, isto é, José de Valbuxán, o seu “alter ego”.
“Si mi vida son dos días, / daré uno a la pintura/ y el otro a la poesía”, dinos no seu libro “RESONANCIAS”, un dos seus máis de vinte libros aínda inéditos.
Os seus cadros, a súa poesía, serán pois como un diario “persoal”, claro e profundo, diario íntimo, biografía espiritual, espello onde reflectir vivencias, inquedanzas, sensacións, estados de ánimo: todo el. Todo o que leva dentro. E todo o que lle chega. “Ser sincero é ser potente”, dicía Rubén Darío. E servirán de contrapeso e contrapunto, de fuga, de desafogo e rebeldía á súa existencia dura e escura. Ás súas continuas depresións entre tanta soidade, miseria, baleiro e desencanto. E tanta “ración de amarguras” como a vida lle deparou.
Pero dos seus sentimentos e circunstancias persoais Yosso elabora, como Picasso, un sentimento universal, ao transcender tanto intimismo, isto é, tanta verdade. Sobre todo nos seus poemas.
O difícil, claro, é acceder a eles, ou chegar á súa pintura. Porque Yosso non se prodiga nada, nin lle gusta expoñer. Pinta e escribe para si. Como algo persoal ou primordialmente persoal, non profesional. Aínda que a súa obra e mesmo malia el empece xa agora a desbordalo. E a expandirse algo. Grazas tamén ao Marqués de Lozoya. Que o descubriu.
UNHA NOVA MANEIRA DE FACER PINTURA
Na súa pintura Yosso móstrase dono dun mundo propio. Quizais por iso ao falar de “a pintura de Yosso” fose mellor dicir “Yosso e a súa pintura”, porque precisamente esa “súa” pintura é algo á parte, novo, distinto de todo: un novo facer, un novo estilo, unha nova maneira de facer pintura. E, polo tanto, unha nova forma tamén de ver as cousas.
Unha nova visión. Unha nova sensibilidade. E unha nova canle expresiva.
“Un eslabón máis, dicía Blanco Amor. Un banzo”. Quizais o que faltaba. “Ó longo o único a ter en conta”.
E claro exemplo tamén de como un pintor, unha pintura, pode seguir sendo moi do seu tempo, dun tempo e dun lugar, “sen perder por iso o contacto coa constante da gran pintura”.
Yosso quixo facer algo distinto e conseguiuno: co SEU PARTICULAR REALISMO “ENTERNECIDO, VIBRANTE E LUMINOSO”.
Pero no fondo son moitos os pintores —todos os que el ama: Miguel Ángel, Leonardo, Ticiano, el Greco, Velázquez, Rembrandt, Vermeer, Goya, Monet, Van Ggoh, Renoir, Diego Rivera, Picaso— e varias, polo tanto, as pinturas que se atopan na pintura de Yosso, aínda que todas elas —como di Celso Emilio Ferreiro— procurando unha síntese poética e musical. En fin. Que son varios os camiños seguidos por Yosso na súa pintura. E con paso firme e bo oficio. “O curioso desta inseguridade na elección de camiños é que marcha por todos eles con paso firme e bo oficio” (Vallejo-Nágera). “Mesmo deixando á parte os seus asombrosos debuxos, que van tamén desde un realismo perfecto ata o máis puro e orixinal creacionismo” (Lozoya).
Multiplicidade é a palabra.
E xunto ao lirismo estará a cotidianeidade; e xunto á liña a pincelada; e xunto á orde a desorde; e o real e o ideal sempre buscándose e complementándose; por esa necesidade tamén —como en Picasso— de tocar en todo momento terra firme. Primitivo e moderno, sinxelo e complicado. Todo á vez.
Cada cadro de Yosso —escribiu Celso Emilio— é un estado de ánimo. De aí que atopemos —explicaba— ao lado dunha pintura clara e particularmente impresionista ou postimpresionista outra case esquemática ou xeométrica, ou tamén realista, e hiperrealista, ou surrealista, e mesmo dun informalismo “ao seu aire”. Todo ao seu aire. Si. “Porque Yosso non pretende representar o mundo, senón interpretar a súa propia vida interior, UNHA, PROTEICA E LIBRE”.
Pero ademais, Yosso é tamén poeta. E naturalmente isto dálle á súa obra outra dimensión. Outras e novas dimensións. Dimensións que traspasan o campo estrito da pintura. Facendo, por exemplo, que a súa pintura vaia aínda máis alá “do idioma pictórico”. O Marqués de Lozoya dicíao así: “Á parte está tamén a súa obra poética que, baixo o nome de ‘José de Valbuxán’, o seu ‘alter ego’, probablemente sexa unha das manifestacións literarias máis importantes que nunca levase a cabo un pintor”.
UNHA OBRA MÚLTIPLE, APAIXONANTE E LIBERADORA
Artista excepcional, rebordante de vitalidade, pintor, poeta, debuxante, ilustrador, ás veces escultor, José de Valbuxán, Yosso, é para o Marqués de Lozoya, Camón Aznar, Blanco-Amor, Lafuente Ferrari, Eugenio Montes, Julián Gállego, Trabazo, Celso Emilio Ferreiro, e cantos o coñecen ou afondaron algo na súa obra pictórica e poética, un dos valores máis importantes da nosa cultura.
Asina as súas poesías co nome de José de Valbuxán. Valbuxán, a súa aldea natal en 1943. E as súas pinturas e debuxos co pseudónimo de Yosso. Así de contundente e sinxelo. Como unha boa marca. “Yosso”.
Como poeta, José de Valbuxán puido ver xa publicados catro dos seus libros, pero ten máis dunha vintena, exactamente 25, aínda inéditos.
A súa poesía lembra bastante a de Antonio Machado, irmán doutro gran poeta, Manuel, sevilláns ambos, pero fillos dun coñecido avogado, catedrático e xornalista galego, tamén algo poeta.
É unha poesía estremecida e latexante, clara e profunda, vivencial. Apaixonada. O mesmo que a súa pintura. “Un poeta coa facilidade de Lorca e a forza dun Miguel Hernández”, tense dito. E tamén o di Lozoya no prólogo para “Horas de ceniza”.
“YOSSO” NACEU EN FRANCIA
Desde os seus primeiros óleos e debuxos que se conservan de cando tiña dez e doce anos ata os trinta, Yosso, José Porto García, asinará sempre co seu primeiro apelido: Porto. E será alá polo sur de Francia, en Narbona, Arles e Marsella, e a raíz da súa primeira exposición no 74, cando xa nace ou aparece para a Arte e cara ao público como Yosso. Yosso, o cantor de Valbuxán. O pintor e poeta de Valbuxán. O pintor de Narbonne. O pintor dos cisnes. O pintor dos nenos. Dos bosques, pradarías, animais, terras e campesiños entrañables da súa Galicia natal (Camón Aznar).
Unha revista de Marsella comentaba así a súa exposición no Salón das Nacións do Centro Internacional de Arte Contemporánea de París: “Magnifica sotobosques, labregos inmóbiles no seu movemento cotián, paisaxes ou espazos infinitos grazas a un debuxo incisivo e segundo unha disposición notablemente equilibrada”.
Estes temas, como di Carlos Areán, altérnanse con outros de invención propia, cuxas formas se ordenan sobre un esquema abstracto, un cubo ou unha pirámide truncada, vistos sempre desde o seu interior, cuxo debuxo se mergulla baixo o despregamento de árbores e camiños, ceos e paxaros”.
“Propónnos un espazo dominado, sometido á súa vontade de construción, e ofrécenos volumes que se completan cun ritmo poderosamente evocador e un cromatismo sen igual” (La Cote des Arts, nº. 78)
Paisaxes inventadas, marabillosas e incribles, case imposibles, por exemplo eses camiños, eses profundos, panorámicos e ás veces xeométricos camiños tendidos ao infinito, “á gran soidade do infinito, esa soidade onde acontece o encontro entre o humano e o divino”, e bordeados de altísimas e esveltas árbores que escapan cara ao ceo inundadas de luz. Por eles seguramente que tamén, Yosso, na súa exposición do Ateneo de Madrid, recibía de José Camón Aznar quizais o máis bonito eloxio que tivo ou que levou unha pintura, unha exposición: “Mañá traerei a miña muller”.
AUTENTICIDADE E LIBERDADE
Denominador común en todas e cada unha das súas composicións, autenticidade e liberdade son as palabras polas que aposta Yosso. Son a súa loita particular. Son o seu combate. A súa resposta. A súa íntima querenza: restituílas, conservalas, defendelas, na súa arte. Contra vento e marea. Contra todo. E a presenza de ambas como eixes dominantes por toda a súa obra son sen dúbida a súa gran achega, o seu maior logro. A súa transcendencia. A clave do seu éxito. E por todo iso quizais o aspecto que máis cómpre salientar.
E así, malia, ou precisamente tamén pola súa azarosa subsistencia e duras experiencias, Yosso tráenos esa claridade solar da súa pintura, esa obra limpa, pura, incólume; “fóra de serie”; unha pintura nova, única e excepcional; pola multiplicidade de estilos e maneiras de expresarse, polas súas persoalísimas interpretacións poéticas da realidade dada, pola súa rica cor vibrante e poderosa, e pola súa paleta limpa e extraordinariamente luminosa; pero sobre todo por iso: por traer á pintura unha nova maneira de facer pintura, isto é, por crear estilo, un novo estilo.
E porque “ninguén pinta nin pintou así”, nunca, esas pradarías (Ovella e cordeiro, Primavera), eses ceos (Igrexa de Valbuxán), eses camiños (Paysage à l´infini), eses estanques (Le cigne, Reflets), esas arboredas (Automne), eses campesiños (Sega-da-herba, Sementeira), eses nenos (Pepiño, A nena da ría)…; como tamén e tan ben nos explicaron Lozoya, Celso Emilio, Blanco-Amor, Gerardo Diego, Montes, Trabazo, Trenas, Conde, Camón Aznar, entre outros que tan detidamente se ocuparon da súa obra “tan verdadeira”. Das súas obras: vitais, frescas, expresivas. Dos seus cadros: cheos de vida, de verdade, de sentimento; de novidade, frescura e lucidez, de luz e de cor. Apaixonados.
O SEU PROPIO ESTILO
Rebelde, independente, inconformista, individualista, solitario, na súa obra como na súa vida, quenquera que pretenda clasificar a Yosso, encadralo, poñerlle etiquetas, adscribilo a un estilo determinado ou simplemente pensar nel, na súa obra, con palabras herdadas, errará o camiño.
Calquera cliché lle irá sinxelamente como traxe de bazar.
Porque posúe un ritmo propio, moi persoal, autónomo, que o mantén e manterá sempre á marxe do xa establecido ou actual.
E é que Yosso é un pintor á marxe, intemporal, distinto de todo, completamente diferente, que non se parece a ninguén; creador ademais, ou inventor dunha nova pintura, dunha nova forma de dicir ou facer; dun idioma pictórico propio, “nada teórico e absolutamente seu; válido por si mesmo.
Para traducir, pois, a realidade Yosso crea unha nova linguaxe, linguaxe que o axudará a percibir da natureza as formas esenciais: o imperecedoiro e eterno. Linguaxe que pasa ás veces a ser ela mesma o propio tema. Tema que en Yosso perde tamén ás veces a súa importancia ao converterse o propio medio ou linguaxe, en fin.
Non importa o que se pinta senón o como.
En cada unha das súas obras, verdadeiras obras mestras, poderíase dicir, Yosso experimenta novas posibilidades de expresión.
Apuntando ao voo as solucións pictóricas máis orixinais e diversas que lle saen ao paso. Isto é. A súa propia e persoal visión. Así, en “Otoño”, as pingas de augarrás que ao caer sobre o azul do ceo e ir apartando a pintura van formando nubes co mesmo branco da tea; e nos troncos das árbores a pintura seca na paleta ou no bordo do tubo que, esmigallada en diminutos anacos e aplicada logo mesturada con pintura fresca, lles dará a eses troncos esa especial e sorprendente rugosidade, esa textura tan realista, cunha materia de riqueza e poder expresivo formidables; ou no gato a area peneirada, case po, pegada ao que é a parede cando aínda estaba todo húmido, etc.; dando así diversas e moi orixinais solucións a problemas concretos e puntuais.
Utilizando, pois, ao voo e en cada momento a técnica que máis lle convén aos seus propósitos, o mesmo que Picasso, vai aparecendo así o Yosso creador e “descubridor de novas técnicas”.
E o seu propio estilo. A súa propia visión. Persoalísima. Dando as solucións pictóricas máis diversas e orixinais á súa expresión plástica.
Moitas das súas obras conteñen ademais formulacións novas e obedecen a unha óptica nova e a novos conceptos; ao realizar a súa pintura a través de diferentes esquemas estéticos, ás veces preestablecidos (Vallejo-Nágera).
Con frecuencia tamén se serve de toques de pincel ou pinceladas: puntos ou case puntos nas lonxanías que gradualmente se van agrandando e alongando cara aos primeiros termos en rotundas pinceladas sincopadas, soltas e resolutivas (que por suposto nada ten que ver isto co puntillismo ou divisionismo ou calquera outra pintura ou estilo con toques de pincel ou pinceladas superpostas e amorfas ou de igual tamaño e que resultan ser todo o contrario); procurando sempre así, e como só el o fixo ou só a el se lle ocorreu —isto é, a través desas soltas pinceladas distintas gradualmente de tamaño: particular modo de facer distinto de todos e case verdadeira revolución conceptual—, a fondura da perspectiva, a profundidade, ou como dicía unha revista de Marsella, “para multiplicar o impacto das perspectivas ás que soubo conferir unha profundidade excepcional”.
Por iso quizais se chamou tamén á súa pintura, pintura “DIMENSIONAL” e pintura “ATMOSFÉRICA”.
REALISMO ENTERNECIDO
Para Yosso, para a pintura de Yosso, “tan verdadeira”, había pois que inventar algo. Unha expresión, unha palabra. Que en certo modo ou case viñese definir, na medida en que iso fose posible, o seu estilo persoal ou a súa visión persoal das cousas e da vida. E tanta autenticidade, tanta verdade.
Había que inventar algo para a eclosión cromática desta pintura “impar e reconfortante”. Golpe de aire fresco, cara ao expresionismo das cores intensas, refulxentes, acesas. Luminosas. “Unha das pinturas máis claras e luminosas de occidente”, dicía Blanco Amor.
Pero o facer “proteico e libre” de Yosso non o permite.
“Gran pintor, de moi variada personalidade. Cadaquén o cualifica ou clasifica á súa maneira, achegándoo ás súas preferencias. Pero na Arte, a clasificación pouco importa, senón a obra. E a de Yosso é fóra de serie”, dicíase no diario “INFORMACIONES” de Madrid.
“Yosso, realista e poético —escribe Camón Aznar—, posúe unha das pinturas máis emocionantes. Beleza pura. Perfección e xenuína sinxeleza unidas”.
“E é que nos trae un novo, un raro realismo, un realismo distinto. E, polo tanto, unha emoción nova” (Trabazo).
Realismo “enternecido”, chamouno CarlosAreán.
Realismo máxico, realismo poético, si, pero un realismo moi á súa maneira. Espiritualizado.
Tal que as súas composicións aspirasen a ser obxectos de culto.
E con todo o vitalismo do inmediato, do incontaminado, do rebelde ou marxinal.
Yosso é o cantor dos praceres e dos traballos inmediatos, da auga, da árbore, do río, do bosque, da pradaría, do neno, dos animais, do campesiño. De todo o belo e de todo o bo que ten a terra. Da luz e da cor.
A COR E A LUZ SON O SEU PODERÍO
Como en Van Gogh, como en Monet, como en Renoir, aos que tanto ama, a cor e a luz son o seu poderío. O que primeiro salta á vista e nos sorprende. E nos engancha. O soberbio colorido e a intensa luminosidade.
E en Yosso tamén o debuxo. Un debuxo tan seguro, tan perfecto, que nos fai lembrar un pouco os máis grandes: Durero, Doré, Clouet, Holbein…
E tamén ese particular bo facer da súa pintura-pintura “orixinal e xenuína”, feita sen présas. “Unha das máis auténticas do noso tempo”, dicía Blanco Amor. E Camón Aznar: “Nada de lastre, nada de picardía, ningunha trampa, nesta obra limpa, vibrante e luminosa, pero sobre todo sentida e decente: sinxelamente boa”.
Pero é o feito de dar cun estilo pictórico propio, persoalísimo, ou só del, e ao que chega dunha maneira totalmente espontánea, creando así ou inventando esa nova maneira de facer pintura, o que en verdade a fai única, máis “fóra de serie” e perdurable.
Para Celso Emilio Ferreiro, Yosso é un pintor distinto e a súa pintura unha pintura diferente de todas: un artista distinto que crea un estilo diferente”.
Gerardo Diego —a persoa que con Camón Aznar máis entendía de Arte neste país— explícao así: “Pero en Yosso, esas miúdas, soltas e espontáneas pinceladas impresionistas, inquedas e animadas, que perseguen con tremor nervioso a danza do sol sobre as formas, vanse como distribuíndo por riba de sedosas capas ou masas de cor xa dadas, e en poderoso ritmo entrelázanse, avanzan ou retroceden como en ondas, ou superficies movedizas, pero non uniformes, senón —e esta é a gran diferenza e a gran achega— agrandándose progresivamente cara a nós, cara aos primeiros termos, valentes e libres, e/ou empequenecendo ata mesmo desaparecer nas lonxanías, nunha nova, orixinal e refinada procura —suave e harmónica á vez que vigorosa e decidida— de relevos, perspectivas, movemento, gradacións máis sutís e efectos máis delicados, e terceiras dimensións imposibles: logrando niso e así atopar o seu estilo propio”.
E xunto ao seu propio estilo ou arredor del hai en Yosso outras maneiras ou estilos moi diferentes e características de distintas épocas que se asocian e complementan, que aparecen ou desaparecen, que se cruzan e entrecruzan en “saltos acrobáticos” ata parecernos algúns dos seus cadros da escola de Manet, Monet, Renoir, Van Gogh, outros da de Diego Rivera, e algúns surrealistas e mesmo dun informalismo “ao seu aire”.
Aínda que “o curioso desta inseguridade na elección de camiños —escribe Vallejo Nágera— é que marcha por todos eles con paso firme e bo oficio”.
DIFERENTES ETAPAS
Coincidindo niso máis ou menos co xa apuntado por Carlos Areán, Blanco Amor, Eugenio Montes e Lozoya, as diferentes etapas, momentos ou épocas que con maior ou menor duración e coherencia se foron sucedendo na obra de Yosso serían: “PRIMERAS OBRAS”, “REALISMO ENTERNECIDO”, “ÉPOCA PROVENZAL”, “RETORNO A VALBUXÁN o ETAPA VERDE”, “GEOMETRISMO” e “MOMENTO ACTUAL o CLARIDAD SOLAR”.
Gerardo Diego cítaas tamén así, tal cal, e vén explicarnos el tamén como cada cadro de Yosso é un estado de ánimo, e como ás veces as diferentes maneiras ou estilos yossianos e características das súas distintas etapas aparecen, desaparecen ou se entrecruzan e xa ultimamente ao seu capricho e maneiras.
Etapas, pois, en Yosso, non sucesivas ou irreversibles, senón que se interfiren.
O que si aparece sempre e en primeiro lugar é esa “incrible luminosidade e transparencia e o rico e vivo colorido” dos seus cadros, e “a firmeza e a mestría dun debuxante extraordinario”.
E sempre a verdade: a súa verdade. O seu realismo ENTERNECIDO. Ou esa “procura incesante da verdade poética para a pintura”, da que nos fala o Marqués de Lozoya. Porque en Yosso, na pintura de Yosso, todo é DEMASIADO BELO PARA SER REAL.
NA ARTE, A CLASIFICACIÓN POUCO IMPORTA, SENÓN A OBRA: E A DE YOSSO É FÓRA DE SERIE
Nun principio é o realismo, o naturalismo, isto é, o que máis se parece ou achega á realidade, o que máis tamén o abraia, asombra, atrae, admira. O clásico. O Renacemento. E o mundo antigo. Grecia e Exipto sobre todo.
Pero tamén moi pronto, aos 13 anos, ou sexa en 1956, particulares circunstancias —que teñen un nome: Robert Landreau— vanlle permitir coñecer e amar as obras sobre todo de Degas, de Renoir, de Van Gogh e de Monet. Entrando así pouco a pouco e moi á súa maneira, “con achegas poéticas de orixe onírica”, polo impresionismo e o neoimpresionismo ao postimpresionismo: “o máis renovador e creador de todos os movementos artísticos e berce de toda a arte moderna”.
Pero xa o dixemos: cada cadro de Yosso é un estado de ánimo. E Yosso, “un dos artistas máis singulares e máis persoais”, non encaixará, polo tanto, en estilos ou maneiras xa establecidos. Debido ao seu rico intimismo.
Como o propio Yosso o fixo na práctica ao inventar estilo e novas técnicas para a súa obra, así na teoría o crítico de arte ha de atreverse tamén a inventar algo ao referirse a Yosso e á súa pintura “tan verdadeira”. E non caer en tópicos e lugares comúns, moi cómodos, ao querer adscribilo “ad usum” no xa establecido, e con palabras herdadas.
De aí o grande acerto de Carlos Areán ao crear para Yosso o seu realismo “ENTERNECIDO”. Que para Camón Aznar será realismo “POÉTICO”.
E Gerardo Diego afinará máis, fiará máis fino, e chamará á súa pintura “DIMENSIONAL”, e outras veces “ATMOSFÉRICA”. Chegando así máis lonxe.
Na Arte —volveremos repetir con Alfonso Sánchez—, a clasificación pouco importa, senón a obra; e a de Yosso é fóra de serie”.
E xa como colofón ou broche, este parágrafo de Luis Trabazo: “Da pintura de Yosso diranse moitas cousas boas. Eu, para rematar, engadiría outra: que ten imán. Algo, pois, que pode arrincarnos da pasividade, da monotonía e da indiferenza. Unha inxección. E é que nos trae un novo, un raro realismo, un realismo distinto. E, polo tanto, unha emoción nova”.
Todo iso é Yosso. Si. Un estilo propio, persoalísimo: entre outros moitos que lle dan escolta; preludiándoo ou á súa zaga. Un gran pintor de moi variada personalidade; un dos nosos máis grandes pintores; e que cadaquén o cualifica á súa maneira e o achega ás súas preferencias; chegando por iso ata mesmo a ser o ídolo dunha selecta minoría.
E así xorde Yosso e a súa pintura tan verdadeira, tan sincera, tan enriquecida ou cargada de afectividade, tan difícil de conseguir e que, porén, parece tan sinxela.
A súa particular pintura ou modo de facer tan especial e fóra de serie. Para moitos o mellor ou do mellor que se vén facendo non importa onde desde hai xa moito tempo. “Unha das máis sorprendentes e marabillosas que tivemos ocasión de contemplar desde hai moito” (Eugenio Montes).
Un modo de facer, rebordante de amor, de mestría e bo sentido.
Unha pintura fonda e transparente, como a súa poesía. E libre de tutelas.
No prólogo do Marqués de Lozoya para “HORAS DE CENIZA”, dise: “Houbo pintores que, expresándose tamén en verso, nos deixaron poesías marabillosas; e poetas que, con cores e liñas ou lapis e pinceis, nos transmitiron tamén posturas, aspectos, trazos fundamentais do seu ser íntimo, da súa alma, do seu espírito, exteriorizando así dobremente o seu xenio e o seu carácter, pero raras veces co equilibrio e a magnitude, a altura, que aquí se dan en Yosso, en José de Valbuxán”.
Yosso pintor, José de Valbuxán, poeta: “xa nun vencello estreito do home coa terra”.
Yosso pintor. Un pintor distinto creador dun estilo diferente, dicía Celso Emilio que, abrollando dunha forte, fonda e estremecida sensibilidade poética, a de Xosé de Valbuxán, inda que seu “alter ego” decote ollo espreitador e lúcido rexendo cadora sobre a propia –proteiforme e universal- creación artística.
Yosso, lembremos, o pintor dos cisnes, o pintor de Narbona, o pintor dos nenos, dos campesiños. Da auga, da árbore, do río, do bosque, da pradaría, dos animais. Da luz e da cor. De todo o belo e de todo o bo que ten a terra. E o pintor tamén de Valbuxán. Porque, “quizais sexa alí na aldea, en Valbuxán —escribiu Blanco Amor—, onde lle saen, onde logra, os cadros máis vigorosamente puros e belos, máis decentes e descontaminados, e máis sentidos e persoais, da nosa pintura. Ou polo menos unha serie deles tan particular e á parte, que desde logo serían moi dignos e merecentes de figurar nunha antoloxía ideal da paisaxe na Arte”.
E é que Yosso alcanzou no artístico, tanto en poesía como en pintura, a SIMPLICIDADE, a CLARIDADE e a GRANDEZA que só alcanzan algúns privilexiados.
RESUMO DE TODO O DITO
Chegar á pintura de Yosso, á súa pintura “tan verdadeira”, —pintura “ATMOSFÉRICA”, “DIMENSIONAL”, ou realismo “ENTERNECIDO”, como se lle chamou—, é como achegarnos ou aproximarnos á súa propia pel, porque nela desde logo Yosso deixou a pel e toda a súa vida. Ou mellor dito, a metade da súa vida. Pois a outra metade levouna a poesía, isto é, José de Valbuxán, o seu “alter ego”.
José de Valbuxán, coa súa poesía estremecida e latexante, luminosa e profunda, vivencial. Apaixonada. O mesmo que a súa pintura.
Unha poesía “en carne viva”, e que lembra bastante a de Antonio Machado tamén en canto a que “rara vez na nosa poesía se atoparía un testemuño máis sincero e auténtico”.
Poemas e pinturas, pinturas e poemas, con voz propia, persoalísimos, persoalísimas; vivenciais; tan verdadeiros, tan verdadeiras, que son esencias intransferibles: quintaesenciadas.
Así se entende que os críticos se deteñan atónitos ante unha obra “fóra de serie”, “en carne viva”, núa, única, de tan auténtica, persoal, directa, humana e incomparable non só na nosa pintura senón tamén na poesía.
Artista excepcional, rebordante de vitalidade, inventor ou “descubridor de novas técnicas”, pintor, poeta, debuxante, ilustrador, ás veces escultor, Yosso, José de Valbuxán, é o creador —“unha creación artística orixinal e xenuína”— dunha obra clara e cálida, emocionante; dunha obra con vida propia, autónoma; dunha obra APAIXONANTE, MÚLTIPLE e LIBERADORA.
Autenticidade e liberdade. Moito de sinceridade. E un estilo propio.
Quenquera que pretenda clasificar a Yosso, encadralo, adscribilo a un determinado estilo que non sexa o seu propio —o por el inventado—, ou simplemente pensar nel, na súa obra, con palabras herdadas, errará o camiño.
Calquera cliché lle irá sinxelamente como traxe de bazar.
Porque Yosso posúe un ritmo propio, un estilo persoalísimo, unha linguaxe autónoma, que o mantén e manterá sempre á marxe do xa establecido ou actual.
E se como pintor é múltiple, cambiante, “proteico”, e tan difícil, case imposible, falar del ou da súa obra, da súa arte, brevemente pola súa personalidade “tan complexa e fóra do común como para sintetizala en poucas liñas”, tamén como poeta. Que se todos somos non outro senón moitos eus, e “dentro do home hai multitudes (Whitman), máis, se ese home é poeta. Que ás veces será romántico, ás veces épico, ás veces lírico, outras áspero e violento, segundo e como ou ao mesmo tempo, poeta intimista ou social, clásico ou futurista, místico, amoroso e carnal ou erótico, no caso de José de Valbuxán non só con poemas censurados, senón con libros enteiros prohibidos alá na correspondente sección do Ministerio de Información y Turismo de Madrid.
Ademais, ser poeta dálle a todo, tamén á pintura, outra dimensión, outras dimensións. Novas dimensións. Quizais por iso Gerardo Diego chamou á súa pintura, á pintura de Yosso, “DIMENSIONAL”.
Etapas: “PRIMERAS OBRAS”, “REALISMO ENTERNECIDO”, “ÉPOCA PROVENZAL”, “RETORNO A VALBUXÁN” ou ETAPA VERDE”, “GEOMETRISMO” e “MOMENTO ACTUAL o CLARIDAD SOLAR”.
A cor e a luz son o seu poderío.
Como o propio Yosso o fixo na práctica ao inventar estilo e novas técnicas para a súa obra, así na teoría o crítico de arte ha de atreverse tamén a inventar algo ao referirse a Yosso e á súa pintura “tan verdadeira”; e non caer en tópicos e lugares comúns, moi cómodos, ao querer adscribilo “ad usum” no xa establecido, e con palabras herdadas.
De aí o grande acerto de Carlos Areán ao crear para Yosso o seu realismo “ENTERNECIDO”. Que para Camón Aznar será realismo “POÉTICO”.
E Gerardo Diego afinará máis, e chamará á súa pintura “DIMENSIONAL”, e outras veces “ATMOSFÉRICA”. Chegando así aínda máis lonxe.
Na Arte —volveremos repetir con Alfonso Sánchez— a clasificación pouco importa, senón a obra; e a de Yosso é fóra de serie.
Yosso crea e recréase nas súas pinturas, nos seus debuxos e ilustracións, con gran soltura, con trazos sabios, con empeño na perfección, nas texturas, nas perspectivas e equilibrios, na matización cromática, no bo facer para achegarse e achegarnos en cada obra á obra mestra. Ás veces con coidado minucioso, ás veces simplificando. Progresista e inconformista sempre, o seu puro instinto de artista nato apóiase nunha depuración ou purificación intelectual.
Campoy, Vallejo Nágera, Celso Emilio, Alfonso Sánchez, Santiago Amón e o Marqués de Lozoya estaban na súa exposición do Ateneo. E tamén Camón Aznar.
Vallejo-Nágera, que na presentación explicaba as múltiples maneiras, camiños ou estilos, mesmo estilos propios, “voos persoais, ao seu aire”, seguidos por Yosso na súa pintura —e entre os varios estilos tamén, loxicamente ou naturalmente e querendo arrimar así a brasa á súa sardiña, mesmo pretendendo ver un pouco nalgún cadro, contra “consensus omnium” ou contra sensus communis, o estilo que a el, a Vallejo-Nágera, máis lle chegaba ao corazón—, comentaba con López Ibor e con Lozoya despois de ver a exposición que Yosso, a quen non coñecía persoalmente aínda que si parte da súa obra, resultaba un pintor dos máis enormemente interesantes, orixinalísimo, de moi variada personalidade; un dos que máis impacto lle producira; un dos grandes; e dos que lle chegan a un ao corazón; aínda que non autodidacta, pois tivo varios e moi estimables profesores, e era longa a súa preparación estética e o seu refinamento cultural; un mestre; e que ademais compoñía, e compoñía academicamente, sendo ademais un extraordinario debuxante; pero que malia todo isto e malia toda esa súa evidente mestría técnica e variedade de estilos e de camiñar por todos eles con paso firme e bo oficio, e estilos propios, realizábase o milagre.
Porque se mantiña puro, veraz, independente, ínsito, el mesmo, libre, incólume, innato, instintivo, espontáneo, fresco, por toda a súa obra, cunha das pinturas máis puras, máis “veraces e independentes”, máis auténticas, sinceras e maxistrais, e desde logo unha das máis interesantes, “interesantísima”, como dicía Campoy.
Aínda que Campoy tamén dixera xa no “ABC” que Yosso moi ben podería ser ese pintor que moitos agardabamos. Días máis tarde e na mesma exposición Lafuente Ferrari explicábame así a pintura de Yosso: Puras pinceladas esquemáticas, procurando intensidade e perspectivas, amorosa e sabiamente executadas con soltura e fluidez, soltas e escasas, pero compoñendo ao contemplalas un orixinal, vibrante e sorprendente efecto ou aspecto realista, un novo, poético e colorista sentido de luminosa e fresca realidade, e perspectivas nunca ata agora así logradas.
E en fin. A súa particular pintura ou modo de facer tan especial e fóra de serie, variada, paciente, sen présas, para si mesmo, rebordante de amor e de mestría, é para moitos “o mellor ou do mellor que se vén facendo non importa onde desde hai xa moito tempo”.
O universal, a universalidade, está na aldea. No particular. E será “en Valbuxán —escribiu Blanco Amor— onde lle saen ou onde logra os cadros máis vigorosamente puros e belos, máis decentes e descontaminados, e máis sentidos e persoais, da nosa pintura. Ou polo menos unha serie deles tan particular e á parte, que desde logo serían moi dignos e merecentes de figurar nunha antoloxía ideal da paisaxe na Arte”.
Celso Emilio Ferreiro escribiu tamén: É pois a de Yosso unha obra de arte auténtica, enteiramente aparte, propia e persoal, que é o único xeito de se-lo tamén universal. Unha obra de proxección universal. Xenuína, enxebre, vasta e fundamentalmente humana, todo ó mesmo tempo.
E é que Yosso alcanzou xa, no artístico, tanto en poesía como en pintura, a SIMPLICIDADE, a CLARIDADE e a GRANDEZA que só alcanzan algúns privilexiados.
M. HERMIDA BALADO
Madrid, 1986