O profundo lirismo dunha pintura verdadeira
Gerardo Diego. Unha lectura da cor, do espazo e da pincelada coa que Yosso constrúe as súas paisaxes.
Gerardo Diego
O PROFUNDO LIRISMO DUNHA PINTURA VERAZ
A sinceridade é a orixe do xenio.
BOERNE
Queda no Ateneo, aínda recente, o aroma suavísimo, a frescura e a forza xuvenil, e o grato recordo dunha pintura entrañable e das máis decentes, a de Yosso; e o noso segundo e terceiro encontro despois de coñecelo nun dos meus recitais en Puente Cultural; e un cadro, “Paysage á l´infini”, que, como todos os seus, nos fala en silencio, ata a alma, envolvéndonos en sutís encantos e nunha atmosfera de intimidade e poesía.
“Gran pintor” e “fóra de serie”, denunciárao e proclamárao Alfonso Sánchez desde a súa columna no “diario INFORMACIONES”: “Gran pintor, de moi variada personalidade. Cada cal o cualifica e clasifica ao seu xeito, achegándoo ás súas preferencias. Mais na Arte a clasificación pouco importa, senón a obra. E a de Yosso é fóra de serie”.
Yosso, como Renoir, a quen tanto me lembra –sobre todo nos seus retratos de nenos, na súa tendencia ao uso de pigmentos puros, nos espazos abertos e, en xeral, en toda a súa obra, froito dunha sensibilidade e testemuño de amor e tenrura–, é un verdadeiro poeta, un poeta da cor, e un artista de múltiples e moi ricas modalidades. Un pintor á marxe, distinto, personalísimo; solitario autodidacta; delicado creador tamén dun mundo aparte, suxestivo e entrañable; de variadas e sorprendentes harmonías, sinfonías, de espléndida e rara beleza e clara luminosidade. Mais en Yosso esas miúdas, soltas e espontáneas pinceladas impresionistas, inquedas e animadas, que perseguen co tremor nervioso a danza do sol sobre as formas, van distribuíndose sobre sedosas capas ou masas de cor xa dadas e, con poderoso ritmo, entrelázanse, avanzan ou retroceden como ondadas ou superficies movedizas, pero non uniformes, senón –e esta é a gran diferenza e a gran achega– agrandándose progresivamente cara a nós, cara aos primeiros termos, valentes e libres, e/ou empequenecendo ata desaparecer nas lonxanías, nunha nova, orixinal e refinada procura –suave e harmónica á vez que vigorosa e decidida– de relevos, perspectivas, movemento, gradacións máis sutís e efectos máis delicados, e terceiras dimensións imposibles: logrando así atopar o seu estilo propio.
Tena e vigorosa a un tempo, sólida e sutil, desbordante e contida, como a propia vida, como a natureza, –nais e mestras–, a obra de Yosso, tan verdadeira, chégannos coa súa atmosfera vivinte e cálida, e sorpréndenos gratísimamente (Campoy), e mesmo emociona (Camón Aznar), desde o primeiro momento; rebordante de vida e autenticidade atráenos e mesmo nos subxuga; pois detrás está sempre o corazón sagrado, a mirada limpa, o poeta, o home –o home que pinta mellor ca un pintor–, devolvéndonos a fresca emoción e a pureza prístina das cousas, do que se ve por primeira vez, nun primeiro itinerario (Raúl Chávarri). E un mesmo chega a esquecer o que nela hai de tanta cociña e traballo paciente, nunha enganosa aparencia de facilidade que encobre un obstinado quefacer de selección, análise, autenticidade e procuras.
PINTURA ATMOSFÉRICA, PINTURA DIMENSIONAL.- A de Yosso, co seu “profundo sentido poético, contido lírico, nunha visión limpa da natureza e da vida”, e eses cadros “sinxelos, puros, de técnica directa, sen resabios inútiles” (Manuel Conde), “cadros e debuxos que non semellan o modo de facer de ninguén e que, por tanto, corresponden ao seu propio, ao de Yosso” (Vallejo Nágera), é unha pintura que ben poderiamos chamar << atmosférica >>, ou tamén << dimensional >>; e unha pintura fortemente individualizada. << Realista e poética >>, chámaa Camón Aznar. Poesía visual, poesía que se ve, poema sen voz. Que a unha moi alta calidade une toda esa carga de indefinible encanto poético, e o ser testemuño, ou máis ben símbolo, “de amor e tenrura”, e estar, por tanto, máis alá da linguaxe pictórica e mesmo do recordo.
“É pintura feita con amor e iso nótase e dálle –di Vallejo Nágera– un especial atractivo que, sumado á evidente mestría de execución, esperta no coleccionista esa comezón que só se calma <<posuíndo un Yosso>>”. Cálanos, penétranos e vai envolvéndonos na súa atmosfera de intimidade e poesía, de paz e silencio. Porque nós, como Yosso, como o Marqués de Lozoya, como Vallejo Nágera, como todos, procuramos tamén na Arte, na beleza, o refuxio onde atenuar a anguria da Vida.
No n.º 40 da revista “Mundo Gallego”, Carlos Areán déixanos unha ampla e acertada exposición, un maxistral percorrido polas que, segundo el, poderían ser as diferentes etapas da evolución máis ou menos coherente da obra yossiana: primeiras obras, realismo enternecido, época provenzal, retorno a Valbuxán ou etapa verde, xeometrismo e momento actual ou claridade solar . Habería que poñer á parte os seus “magníficos” cadros de cisnes e estanques, e a “rara perfección” dos seus extraordinarios debuxos de todo tipo e tamén inventados (Manuel Conde).
Mais “cada cadro de Yosso é un estado de ánimo” (Celso Emilio Ferreiro), e ás veces as diferentes maneiras ou estilos yossianos e características das súas distintas etapas aparecen e desaparecen ou se entrecruzan, en “acrobáticos saltos”: “como se algúns dos seus cadros se asemellasen á escola de Manet, outros á de Gregorio Prieto e algúns ao surrealismo ou mesmo ao informalismo <<ao seu xeito>>. O curioso desta inseguridade na elección de camiños é que marcha por todos eles con paso firme e bo oficio” (Vallejo Nágera).
Todo isto, esas procuras, eses logros, e as súas raíces, e a enerxía sensitiva das súas creacións “espléndidas de efectos, sorprendentes de fermosura”, cheas de vitalidade, “de claridade solar”, de xuvenil frescura, autenticidade e forza, é a arte amable, delicada, sinxela e optimista (Renoir), luminosa, ardente, apaixonada, sincera (Van Gogh), de Yosso; entre Renoir e Van Gogh ás veces; e que suscita tamén en nós, como a daqueles, unha sensación de inmaterialidade e mesmo de misterio.
Quizais a pintura de Yosso sexa así, ou Yosso pinte así, porque lle gusten e atraian máis, ou os que máis, eses pintores: Renoir e Van Gogh; como antes o foron e seguen séndoo no fondo, sempre, Velázquez e Vermeer. E outros. As inclinacións do artista van cara aos seus afíns: Rubens a Tiziano, Delacroix a Rubens, Renoir a Delacroix, Velázquez a Tintoretto, Cézanne ao Greco… O día en que lle gusten máis ou tiren máis del, de Yosso, Matisse e Picasso, poño por caso, tenderá a ser ou será xa doutra maneira a súa pintura –xa o son os seus debuxos–, pero oxalá tan verdadeira como agora, tan veraz e de tan profundo lirismo.
GERARDO DIEGO
Madrid, 1976