Comentarios ás súas pinturas
Texto do arquivo. Un percorrido crítico por motivos e recursos da pintura de Yosso. O texto conservado non inclúe unha sinatura inequívoca.
Comentarios ás súas pinturas
COMENTARIOS ÁS SÚAS PINTURAS
Comentarios construídos a partir de todo o ata agora escrito acerca de
Manuel HERMIDA BALADO y Eugenio MONTES
Yosso e a súa pintura.
Estes comentarios persoais meus ás pinturas de Yosso están tirados, como xa queda dito no título, de todo o ata agora escrito acerca de Yosso . A miña fe na súa obra é total. Máis tarde ou máis cedo sairá á luz. E por iso me emprego un pouco nisto sabendo que non perdo o tempo, e sabendo tamén que “toda vida ben empregada é unha longa vida”, como dicía Leonardo da Vinci.
Dedícolle, pois, un pouco do meu tempo con todo o afecto e toda a miña profunda admiración pola súa vida e a súa obra, xa que, malia a mala sorte e as circunstancias da vida que se conxuraron pertinaces contra el, logrou manterse sempre puro, el mesmo, e impoñernos a súa maneira de ver e as súas cores e a súa poesía a través dunhas obras que alcanzan a máis profunda serenidade e as máis radiantes harmonías; e ante as que ás veces se aspira a mesma sensación case de acougo e de paz, e arrepío, que se sente por exemplo —momentos inesquecibles— na Capilla Médicis ante as máis excelsas esculturas de Miguel Ángel.
A obra de Yosso como a de Renoir , é (e refírome á súa obra pictórica e non á súa atormentada obra poética), como un himno á alegría e restitúe á terra o paraíso. O seu orixinalísimo estilo de expresivas e soltas pinceladas que se agrandan progresivamente para conseguir as perspectivas —el o primeiro en conseguilas deste xeito—, é un estilo á vez enérxico e poético impregnado de intenso erotismo. “A súa forza erótica alcanza o esplendor da poesía”. Pero non sei por que razóns ou misteriosas afinidades, a súa obra, en xeral, tráeme á memoria a de Sisley, Corot, Van Gogh, Renoir, Monet, Vermeer, Chardin, Giorgione…
Pintura estremecida, resplandecente, atractiva, evocadora, innovadora. Tecnicamente unha maneira fluída e luminosa, que debe bastante á acuarela. Pintura penetrada de musicalidade e espiritualidade, sincera, honesta, intimista, cristalina, transparente, nun clima alegre dentro dun colorido excelso. Execución vibrante e laboriosa, orixinalísima, riqueza cromática, frescura luminosa, evidente mestría, verdade, instinto, ciencia, forza, fondura, non distraen, “din”. E Yosso logra fundilo todo da maneira máis viva e apaixonada, en “verdadeiras xoias luminosas e puras” , xoias inapreciables. Harmonías supremas. Mediante esas orixinalísimas pinceladas que tanta maxia e vitalidade imprimen á súa obra.
E ben. Grazas a Eugenio Montes, o meu inesquecible amigo, polas nosas conversas, por tanta atención e tantos e tan bos comentarios. Que ao cabo son estes. E grazas sobre todo a Yosso polas súas obras. Das que deixo sen tocar ou á parte, un mundo á parte, os seus debuxos incribles, que considero tan bos e interesantes ou máis que os seus óleos. Eses asombrosos debuxos que, como dicía o Marqués de Lozoya, “van desde un realismo perfecto ata o máis puro e orixinal creacionismo” , e dos que quixera citar polo menos o seu “Autorretrato”, o seu “Dibujo surrealista”, “Transparencia”, “Inspiración”, “Ensoñación”, “Anxo polifónico”, “Fonda aperta”, etc.
A súa imaxinación prodixiosa desbórdase nestas fantasías exuberantes. E seducen pola súa estilización e precisión, pero sobre todo pola súa beleza e case perfección. E que dicir da súa pintura ao pastel; esa pintura aveludada, parte de cuxa beleza é que conserva toda a súa pureza de cores e na que o artista —como di James Olgivie— “pode conseguir simple e directamente a correcta harmonía cromática, pois na pintura ao óleo poucas veces se atopa no tubo a cor que se necesita, e hai que mesturala, e en tal proceso pérdese ás veces a espontaneidade da primeira impresión acerca da cor”.
Debuxos e pasteis ou pinturas ao pastel que tanto complementan e enriquecen a obra múltiple, apaixonante e liberadora, “unha, proteica e libre”, de Yosso, “un pintor distinto, creador dun estilo diferente”, como escribiu Celso Emilio Ferreiro. Con Yosso unha nova maneira e unha nova limpidez percorren a pintura e un volve atoparse coa grandeza da Antigüidade.
Para definir a Yosso —dicíame Eugenio Montes— só hai unha palabra: Yosso . Porque con Yosso o pincel debuxa, pinta, entusiásmase, apaixonado, e radiante de luz e cromatismo exprésase amoroso e maxistral cunha técnica nova: xenio innovador da nosa expresión plástica.
E ESTES SON OS COMENTARIOS , os meus comentarios, ás pinturas de Yosso; comentarios construídos a partir de todo o ata agora escrito acerca de Yosso e a súa pintura; comentarios pois en certo modo xa máis que meus ou tanto como meus do Marqués de Lozoya, Eugenio Montes, Julián Gállego, Lafuente Ferrari, Camón Aznar, Gerardo Diego, José García Nieto, Joaquín Calvo-Sotelo, Paz Andrade, Areán, Trabazo, Trenas, Raúl Chávarri, Manuel Conde, L`abbé Coll, Santiago Amón, Blanco-Amor, Vallejo-Nágera, Celso Emilio Ferreiro, etc., etc. Pero sobre todo de Eugenio Montes, que os supervisou, e tamén Santiago Amón.
Estes son os comentarios, e esta é a obra, orixinal e abraiante, e testemuño singular dun dos artistas máis interesantes e exquisitos do século: Yosso. A obra, toda luz e vida, dun “verdadeiro xenio”, dun verdadeiro demiurgo, ou creador, ex nihilo, por ser capaz de atopar en si mesmo todas as fontes da súa inspiración. Obra que xa non é só o reflexo do mundo, senón unha expresión do universo íntimo do seu autor. Como escribiu Celso Emilio Ferreiro, “cada cadro de Yosso é un estado de ánimo”, e “é un pintor que non pretende representar o mundo senón interpretar a súa propia vida interior, unha, proteica e libre”. De aí que atopemos en Yosso unha pintura tan auténtica, “tan verdadeira”, tan persoal e única, e á vez tan rica e variada, e tan complexa e fóra do común, “fóra de serie”, que non é posible falar dela brevemente ou sintetizala en poucas liñas.
“Gran pintor, de moi variada personalidade. Cadaquén o cualifica ou clasifica á súa maneira, achegándoo ás súas preferencias. Pero na Arte a clasificación pouco importa, senón a obra, e a de Yosso é fóra de serie”, dicía Alfonso Sánchez na súa columna do diario “Informaciones”.
“Pintura atmosférica” e “pintura dimensional”, chamou Gerardo Diego á pintura de Yosso.
“Realista e poética”, dicía Camón Aznar. “Realismo enternecido”, dicía Areán. Realismo, si, pero un realismo tremendamente subxectivo, subxectivado, persoalísimo. “E é que nos trae un novo, un raro realismo, un realismo distinto: e, polo tanto, unha emoción nova” (Trabazo). Innovación e orixinalidade. Si. Innovación e orixinalidade. E por iso tamén pintura revolucionaria, rebelde, reivindicativa. Yosso, mesías rexenerador da arte.
“Entre as pinturas máis verdadeiras, decentes, puras, claras e orixinais deste século que se achega á súa fin, está con toda seguridade a de Yosso, tónica e reconfortante, que permanece afastada de todo movemento pictórico, para quedar, ela soa libre e vigorosamente persoal, nun mundo poético, fóra do tempo e das modas que non pasan de moda”, escribiu en Narbonne L`abbé Coll.
“Desde logo é unha das máis sorprendentes e marabillosas que tivemos ocasión de contemplar desde hai moito, e gran parte dela moi ben podería contarse entre a máis bela e cativadora, por non dicir do mellor que se vén facendo non importa onde desde hai xa moito tempo”, é tamén o que nos deixou escrito Eugenio Montes.
COLOFÓN OU EPÍLOGO
E tamén a modo de resumo, en fin. “Cada unha das súas composicións convértese nunha obra mestra de orixinalidade e habilidade”.
Pero non só os óleos, senón tamén acuarelas, pinturas ao pastel, debuxos a lapis, plumillas, carbóns, e algunha que outra escultura.
un xa non sabe ben por que inclinarse: se polas “plurais mestrías dos seus óleos tan vitais, ou por esa transparente e luminosa “graza alada” das súas pinturas ao pastel ou á acuarela, ou os seus maxistrais debuxos hiperrealistas ao carbón, ou eses trazos incribles, seguros, perfectos, nítidos, dos seus asombrosos debuxos surrealistas ou debuxos inventados, ou as sentidas e creadoras liñas das súas poéticas ilustracións en, por exemplo, “A festa das festas”, “A Virxe das Ermidas”, ou as que ten tamén preparadas para “Color de nieve” ou para o “Himno al roble”.
Por todo á vez, claro. Á parte esa súa nova maneira, única, de facer pintura. Por ese rico colorido, limpo e puro, e ese perfecto debuxo que sempre en todo o seu como base ou soporte ben se bota de ver ou se adiviña. E esa mestura de madurez e de frescura da que falaba Gerardo Diego. E toda esa “evidente mestría”, toda esa radiante claridade —“claridade solar”, dicía Camón Aznar— da súa pintura “tan verdadeira”, “tan orixinal e xenuína”, tan distinta e única, tan súa, tan “fóra de serie”; e todo ese esplendor, todo ese “radiante cromatismo”, toda esa luz, beleza, harmonía e perfección.
Pero sobre todo por esa súa xa dita nova maneira de concibir a perspectiva e o espazo a base de soltas pinceladas que se agrandan progresivamente. “De menor a maior, medrando valentes, veñen a min./ Como en ondas ou superficies movedizas se aproximan./ E Yosso o primeiro e único en ofrecérnolas así” (Gerardo Diego). PINTURA ATMOSFÉRICA, PINTURA DIMENSIONAL, chamouna Gerardo Diego. Pintura: que para quen a coñece pasa a ser a súa favorita ou unha das súas favoritas.
É unha pintura belísima, única, inesquecible, representativa, coloquial. Unha pintura vital, e de expresión moi nova. Recreada con amor pero sen présa. Obra lenta. De aí que sexa escasa. E quizais tamén o de non facer exposicións, xa que a reserva na medida do posible. Pero unha vez que se coñece prefírese, non sei por que, pero é tamén o que lles pasa a aqueles que me falaron dela” (Trabazo).
PINTURA ALEGRE E SOLAR , clara e profunda, persoalísima, liberadora, resplandecente, optimista, na que para nada transparece o seu atormentado vivir de artista, a súa alma atormentada, a súa dolorosa vida, que el deixa só para as súas poesías.
así, poeta atormentado e pincel feliz ou pintor feliz, nas súas poesías, toda a súa vida tal cal para quen queira coñecelo máis, máis de verdade, ou intimamente, toda a súa problemática, todos os seus sobresaltos cotiáns perentorios ou existenciais, querenzas, desamores e demais avatares persoais e ambientais, toda a súa escura e dolorosa vida de pobre emigrante, bohemio, soñador e trotamundos, poesía vivencial, puntual, puro desafogo, necesario desafogo, carne viva; e na súa pintura, toda a súa ansia ou necesidade tamén de todo o que a vida lle negou ou lle falta: luz, cor, harmonía, equilibrio, claridade, alegría, beleza, perfección.
Sorte que ten a súa pintura —como el mesmo admite— de que sexa tamén poeta. “Ninguén diría —escribiu Lozoya— que esta pintura tan alegre e luminosa saíse dun home cuberto de cicatrices. En cada pincelada transcende a fe na súa propia obra”.
Pero detrás, toda unha vida de loita, de entrega e dedicación absoluta, íntegra e honrada á Arte sen pedir nada a cambio.
Como el mesmo dixo: “A la Pintura y a la Poesía les hice oferta gratuita de mi propia vida; y me cogieron la palabra”. E tamén: “Si mi vida son dos días, daré uno a la Pintura y el otro a la Poesía”.
Alfonso Sánchez escribía na súa columna do diario Informaciones: “No Ateneo expón YOSSO, José Porto. Gran pintor, de moi variada personalidade. Cadaquén o cualifica ou clasifica á súa maneira e achégao ás súas preferencias. Pero na Arte a clasificación pouco importa, senón a obra. E a de Yosso é fóra de serie”.
É pintura feita con amor, explica Vallejo-Nágera, e iso nótase e dálle un especial atractivo que, sumado á evidente mestría de execución, esperta no coleccionista esa comechón que só se calma “tendo un YOSSO”. Evidente e asombrosa mestría, pero con todo sentimento, con todo amor. Instinto “razoado” para así corrixir os posibles erros. Evidente mestría, si, pero tamén autenticidade. Froito da súa total entrega e paixón. E é que Yosso “xa naceu pintor e poeta” (Lozoya).
SEMPRE TRAS A MÁXIMA BELEZA e perfección posible, en Yosso, malia a súa preocupación formal e técnica, malia diciamos esa “evidente mestría”, malia a súa asombrosa lucidez, saber e profesionalidade, prodúcese o milagre, e TODO É FRESCO, PURO, NATURAL, todo pasa primeiro polo corazón ou o sentimento. E ese é o camiño, o seu camiño, desde o corazón aos beizos, ao lenzo, ao papel, a través dos dedos e o lapis ou o pincel. “É unha obra —escribiu Celso Emilio Ferreiro— concibida e levada a efecto a través dunha sensibilidade, (…) testemuño de amor e de tenrura”. Pintura pura, pura pintura. “Vibrante fruición amorosa na mirada e no tacto”.
A luz e a vida non chegan ao cadro, brotan do cadro: e así cada obra de Yosso respira, vive, ten vida propia. E esa é a cuestión. A única cuestión. Pois un cadro ten ou non ten vida propia, e non hai máis que falar; pero tampouco menos. Por iso pintar e facelo ben é tan difícil, e só o logran os predestinados, os elixidos. Porque na Pintura, o mesmo que na vida real, a muller é ela a que elixe a un e non un o que elixe ser pintor. E así dise tamén que o artista nace, non se fai.
COMO EN LEONARDO e os seus outros pintores favoritos, Renoir e Van Gogh á cabeza, na pintura de Yosso amorosa e maxistralmente todo vai emerxendo pouco a pouco desde o interior cara ao exterior, desde o íntimo á superficie, como por autoxénese. En Yosso con ese seu estilo propio e único a base desas soltas e espazadas pinceladas esenciais, substanciais, agrandándose progresivamente valentes e libres. “Coa súa obra tan peersoal, distinta, inconfundible, e mesmo tamén innovadora, YOSSO déixanos unha maneira de pintar, un outro camiño aberto, un banzo, un eslabón más: ó longo, o único a ter en conta”, dicía Blanco-Amor. E se Yosso é dos mellores, é por isto.
En cada unha das súas realizacións ou creacións, Yosso invítanos a indagar a minuciosidade da súa lenta e coidadosa elaboración e a complexidade dos seus propios ritmos compositivos naturais, e construtivos mentais, intelectuais, no espazo tridimensional. Queira un ou non, métese na súa pintura.
El fai que un impalpable espazo atmosférico se interpoña entre nós e os seus cadros. E atrápanos, “cálanos, penétranos e vainos envolvendo nunha atmosfera á parte, de intimidade suxestiva e entrañable” (Gerardo Diego).
ANTES DE PINTAR AO ÓLEO ou ao mesmo tempo, alá por cando tiña dez, once, doce, trece anos, Yosso pintou moito e con moi bos profesores, á acuarela, e quizais lle veña diso, dela, da acuarela, toda esta diafanidade, claridade e transparencia dos seus óleos, e ese dicilo todo ou o máximo co mínimo, de pintura; ao cabo verdadeira e única mostra dunha real e evidente mestría. Pura potencia.
E ademais aí está que en Yosso a cristalina pureza da luz, da súa luz, se traduce nunha plástica esencial e espacial, “espazo-luz”, á vez “transformando” ou axudando a transformar tamén “de modo revolucionario a linguaxe da perspectiva”: xunto a, á par ou xa de todo con esa súa nova maneira tan orixinal e só súa de conseguir a profundidade, as perspectivas, por medio das tan yossianas traídas e levadas soltas pinceladas que sempre, agrandándose e alongándose progresivamente, chegan cara a nós, cara aos primeiros planos. “Na excelencia da súa arte clara e profunda, e a mestría do seu oficio —escribiu Santiago Amón—, YOSSO constitúe un caso á parte, inclasificable: orixinalísimo creador dunha poética pictórica de sólida raíz realista, introdúcenos nunha nova dimensión e unha nova linguaxe, de gran comunicación, co exquisito refinamento cromático da súa pintura ‘tan verdadeira’, e a perfección e delicadeza sensitiva dos seus debuxos incribles. Tanto en pintura como en poesía non describe, senón que vive”. “Parece que está viva”, exclama un e tamén o escoita dicir ante calquera das súas obras. Innovación e orixinalidade, diciamos: e por iso tamén pintura revolucionaria, rebelde, reivindicadora: Yosso, mesías rexenerador da Arte.
PINTURA REVOLUCIONARIA malia el, si, innovadora, distinta, única, fóra do tempo e das modas, “fóra de serie”, orixinalísima, só súa, a través desas soltas pinceladas que se agrandan e alongan progresivamente en ordenada perspectiva na procura dunha nova maneira de facer pintura, unha nova visión, unha nova canle expresiva, un novo estilo: pero sen ter necesidade de negar nada do anterior.
Auténtica pintura persoal, persoalísima. Única. Revelándose así contra todo e contra todos: “Ao transformar de modo revolucionario a linguaxe da perspectiva.
“Yosso é un pintor distinto e a súa pintura unha pintura diferente de todas: un artista distinto, creador dun estilo diferente” (Celso Emilio Ferreiro).
E aí está enarborando a cor e a verdade da súa pintura, tan distinta de todas as pinturas e por iso, como diciamos, revolucionaria. E aí está, co seu peculiar estilo, as súas ordenadas perspectivas, as súas profundas perspectivas, a súa especialísima pintura. Apaixonada. Sincera. Ebria de sinxeleza, de frescor, de espontaneidade. De luz, e polo tanto de espiritualidade. Pura: e polo tanto sempre por descubrir. E aí está o seu dominio excepcional do debuxo e a composición. E aí está a súa gran capacidade expresiva e a súa gran sensibilidade e sutileza de execución. E por demais toda esa beleza e perfección —“Yosso, a suma perfección e beleza”—, todo ese “radiante cromatismo”, toda esa claridade “solar” da súa pintura. Da súa pintura-pintura “tan verdadeira”. Tan singular e única. Tan súa.
”INTRODÚCENOS NUNHA NOVA DIMENSIÓN”, si, “unha nova linguaxe de gran comunicación…”. Pintura atmosférica, pintura dimensional. Perspectiva dimensional, e unha especial atmosfera cromática. Táctil e visual.
Unha obra orixinal, unha forma de dicir, un estilo, YOSSO, e o seu particular realismo “enternecido”, vibrante e luminoso, di un dos titulares que lle dedicaron.
A súa preocupación por construír o espazo, polas perspectivas aéreas e as profundidades, é quizais o que fixo aparecer na súa pintura e así no mundo e na historia da Pintura esa “nova dimensión” innovadora que a caracteriza: todo ese novo estilo ou nova forma de pintar que tan detallada e ben explicaron os seus comentaristas e biógrafos.
Unha nova visión, unha nova canle expresiva, evidencia plástica, espiritual e vívida, e haberá que repetilo unha vez máis, niso está a clave da cuestión, a base en moi gran parte da súa obra desas soltas pinceladas que, valentes e libres, veñen ordenadamente espazadas agrandándose cara aos primeiros planos para crear ou conseguir así esas profundas perspectivas e terceiras dimensións, “para multiplicar o impacto das perspectivas ás que soubo conferir unha profundidade excepcional”, cousa en verdade ben sinxela, aí está, dise, e ben se ve, pero que nunca —como explican os seus críticos e os estudosos da súa obra— ninguén na historia da Pintura se valera ou servira desas soltas pinceladas así dispostas, agrandándose progresivamente, para conseguir por si mesmas, sen máis, o espazo, a atmosfera, a profundidade, as perspectivas, “as máis novas e rotundas perspectivas”.
UN CROMATISMO SEN IGUAL.- “Propónnos un espazo dominado, sometido á súa vontade de construción, e ofrécenos volumes que se completan cun ritmo poderosamente evocador e un cromatismo sen igual”. Camón Aznar escribía na súa “PRESENTACIÓN” de Yosso: “Xa era hora de que a gran pintura volvese ser. Difícil. Só para os elixidos. Pintura de verdade. Non abonda con facerse pintor, hai que nacer. A poesía tampouco se fai cando un quere, senón cando ela quere”.
Nos seus cadros, plenos de beleza, claridade e frescor e fondamente sentidos, todo está coidadosa e maxistralmente traballado por igual.
El dinos que non quere que a súa pintura resulte clásica ou moderna, senón clásica e moderna á vez, ao mesmo tempo. Ou intemporal. E conseguiuno. Ademais cada unha das súas obras é sinxelamente unha obra mestra, culminación por outra parte do feito polo impresionismo e de todo o postimpresionismo e posteriores intentos ata hoxe.
SEN DÚBIDA YOSSO BEN PODE SER ese pintor que agardabamos, como escribiu don José Camón Aznar, presidente en París da Asociación Internacional de Críticos de Arte. Xa que a súa pintura é tamén sen dúbida unha das máis belas e interesantes e do máis gratificante que hoxe poida verse: unha das máis sorprendentes e marabillosas que tivemos ocasión de contemplar desde hai moito, por non dicir do mellor que se vén facendo non importa onde desde hai xa moito tempo, como escribiu Eugenio Montes. Pois sitúase ademais á altura das mellores obras que resplandecen polos museos. E como ben se dixo tamén e ben pode comprobarse ou ben se ve —quen teña ollos para ver que vexa, e abonda— canto máis e máis se mira, máis e máis admira e gusta.
E é que, onde hai hoxe pintura tan ben feita? Onde pintura “tan verdadeira”? Onde pintura na que alguén deixe ou deixase tanta vida, tanto de si mesmo? Onde pintura tan limpa, tan pura, e á vez tan resplandecente e tan alegre, luminosa, vital, apaixonada, satisfactoria, decente, descontaminada? En Yosso a luz e a vida non chegan aos seus cadros: brotan dos seus cadros. Teñen luz propia, vida propia.
E ASÍ PARA CASE TODOS os que se achegan á súa obra, Yosso pasa xa a ser pouco menos que o pintor favorito ou o preferido, o agardado, “o pintor máis desexado”. Como dicía Campoy, Yosso sorpréndenos gratamente, pois pode ser ese puro pintor e auténtico pintor que agardabamos, sincero e apaixonado compositor dun mundo que no seu pormenor quixera captalo todo con fidelidade e cuxo resultado é unha esplendorosa, alegre, suxestiva e poética ou espiritualizada visión enternecida da vida. “Un verdadeiro xenio”, tense dito. “Un dos valores máis importantes, universais”, “un dos artistas máis completos, capaces e dotados”. Con ese encanto virxinal da súa obra “impar e reconfortante, refuxio de todas as fatigas”. “Unha obra de proxección universal”. Cada obra, obra mestra: digo.
Non lle gusta expoñer. Para el é como prostituírse, espirse, mostrarse, poñerse un prezo, venderse. Desde logo que se se prodigase máis, o simple coñecemento dos seus cadros, da súa obra, faría de Yosso xa sen máis un dos pintores ou o pintor máis comunicativo e popularmente aceptado ou o máis recoñecido e de maior aceptación popular. Para gustos se pintan colores; pero en xeral, coñecelo é sentilo un como o seu favorito.
A súa calidade suprema é evidente ata para o máis profano. Gusta sen remedio e métesenos ata a alma. Pero Yosso, o mestre, “o mestre de mestres”, como dicía Lozoya, está á marxe de todo o que non sexa só e sinxelamente pintar ou escribir poesías. Retirado en Valbuxán, illado totalmente e marxinado oficialmente, el prosegue sen máis o seu calado pero magno labor, enriquecendo así a pintura universal coas súas sinxelas innovacións, persoalísimos recursos, achegas, e non só en canto a técnicas, senón tamén en canto ao colorido, á composición, á perspectiva e á propia concepción: con esas altas creacións extraordinariamente luminosas e os seus múltiples logros estéticos, en diferentes series innovadoras de debuxos inventados, luminosas paisaxes imaxinarias, incribles retratos xeométricos ou lineais, óleos fabulosos e sorprendentes, cheos de luz, de colorido, de vida, de orixinalidade total, a base desas soltas pinceladas que se agrandan progresivamente, etc. etc. Auténtica pintura persoal. “Ás veces adopta unha técnica que se aproxima ou ben nos lembra un pouco o divisionismo, pero non, trope-l´oeil, isto é outra cousa, é a súa maneira, outro estilo, creou outro estilo, o seu propio estilo, un novo estilo totalmente persoal, para multiplicar o impacto das perspectivas ás que soubo conferir unha profundidade excepcional”.
REINVENTAR A PINTURA.- Algo cheiraba a podre na Pintura. Algo ía mal. Descompoñéndose. Corrompéndose. Todos o viamos. Todos o sabiamos. A Pintura non marchaba ben. Había, pois, que reinventala. Había que reinventar a Pintura. Alguén tiña que facelo. Alguén tería que facelo. E Yosso fíxoo. Yosso foi o elixido, ou un deles.
UN CLÁSICO DO SÉCULO XX.- Figura atípica, anómala, única; un verdadeiro xenio, revolucionario, innovador, “fóra de serie”; poeta espléndido e pintor excepcional, irrepetible, de fulgurantes iluminacións; artista único, con acento universal propio; Yosso é o máis claro, raro exemplo, tense dito e dito queda, de como un pintor pode seguir sendo moi do seu tempo, dun tempo e dun lugar, sen perder por iso o contacto coa constante da gran pintura. Un clásico do século XX.