← Comentarios de obras

MIÑA NAI

Comentario do arquivo · 8/47

MIÑA NAI
Óleo sobre lenzo, 60 x73.

Magnífico retrato apaixonado e intenso, con esa «evidente mestría» da que falan os seus críticos, destacando poderoso sobre a fondura ambiental dunha paisaxe evocada pero real. Malia a terrible lucidez, «Miña nai» chéganos como un soño, do alén, sobrecolledor. Cuns ollos inmensos, absortos, puros, insondables abismos de profundidade. Que saben e esperan o que ha de vir. E detrás a soidade e a tristura e o calado clamor dun ser falto de cariño. Ten o misterioso atractivo e todo o poder de expresión e vida da SIBILA DÉLFICA de Miguel Anxo, á que tanto se asemella, nun estado coma ela de vitalidade e contida potencia. O ceo é ou lembra o de Van Gogh en «GRANJA EN NUENEN». Malcolm Vaughan escribiu de Velázquez: «Ás veces, a capa de pintura é tan delgada que se transparenta a trama da tea e, con todo, dá a sensación de absoluta solidez»: véxase isto mesmo no rostro de «Miña nai» e en toda a pintura de Yosso.