CARMIÑA, A MIÑA IRMÁ (II/II)
Óleo sobre lenzo, 73 x 54.
Estamos fronte a unha obra inmensa, digo. E como no tamén maxistral retrato da súa nai “A miña nai”, este da súa irmá Carmen aos dezasete ou dezaoito anos, xusto antes de meterse monxa, é sen dúbida un dos exemplares máis extraordinarios da súa actividade como artista e elocuente exemplo da rara capacidade de Yosso para facer falar os ollos. Ollos impoñentes, grandiosos, capaces de ver en remotas lonxanías. Ollos moi grandes porque só con ollos moi grandes se pode albiscar o porvir. Os da súa nai están máis atentos e ansiosos —ansiosa intensidade— e miran tamén cara a lonxanías, ao infinito, con mirada absorta e remota, arcana e patética. Aquí os da súa irmá son claros, serenos, infinitos. Atráennos. “Demasiado verdadeiro”. Pero aínda que só teñamos ollos para eses ollos, estes rostros plasmados con inspirada fantasía irradian sublime bondade. De Yosso poderiamos dicir tamén que: “o admirable del é a súa naturalidade, a súa verdade. Todo nel é auténtico e a grandeza da súa obra é nada menos que un sinxelamente milagroso sopro xenial”.