PRADEIRA INFINDA (OVELLA)
Óleo sobre lenzo, 73 x 54.
Soidade. A ovella soa, a pradeira solitaria, a montaña solitaria. Unha pintura orixinalísima pero rigorosa e sólida. E en contraste é, como toda boa pintura, como toda a pintura de Yosso, unha pintura delgada que lle transfire a sutileza e profundidade da acuarela. O novo estilo creado por Yosso a base de pinceladas soltas, libres e esenciais, progresivamente crecendo cara a nós, desprégase pola “pradeira infinda”, impregnándoo todo de serenidade e de harmonía. E desa calma produto tamén da soidade. Pero por que nos seus cadros, no centro de moitos dos seus cadros, aparecerá sempre o branco: unha ovella, unha cabra, un pombal, un muíño de vento, a vela inchada dunha embarcación, os cisnes, etc.? Que misticismo encerra isto? Excepcionalmente ben acollido pola xente e pola crítica, polos poucos que o coñecen xa que el nada se prodiga, e ignorado polos coleccionistas, aos que por suposto el tampouco quere vender ou tamén ignora, parece predestinado nun mañá quizais aínda afastado a ser “redescuberto” e ir dar por iso coas súas obras posiblemente a algún museo. Ou ás máis altas especulacións.