← Comentarios de obras

O PICO

Comentario do arquivo · 35/47

O PICO
Óleo sobre lenzo, 50 x 71.

“No Ateneo (Madrid) expón Yosso, gran pintor, de moi variada personalidade. Cadaquén cualifícao ou clasifícao á súa maneira e achégao ás súas preferencias. Pero en Arte a clasificación pouco importa, senón a obra. E a de Yosso é fóra de serie”, dicía Alfonso Sánchez na súa “Mi columna” do diario “Informaciones”. Hai moitos yossos en Yosso. Pero tras as diferentes pinturas ou estilos de Yosso estará sempre o pintor “secreto”, rico en estremecementos naturais, espontáneo, sincero, apaixonado. Un pintor coa fruición ou o gozo íntimo das horas gañadas á “súa dolorosa e atormentada existencia” e pasadas en plena liberdade na quietude e intimidade da súa habitación estudio; ou en comuñón coa natureza. Porque alá no máis íntimo de Yosso está tamén sempre un profundo sentimento panteísta da vida e da natureza. Da natureza, terra e home á vez, e todo o demais, e con todo o demais o Universo. De tal forma que mesmo a figura humana non é senón como “unha paisaxe de inmensa profundidade”. Quizais por iso Yosso cando pinta non pinta a natureza —ou a súa exactitude— senón o seu amor por ela máis que nada, porque sabe moi ben tamén que o real se completa co sentimento; e “ao seu modo”, ao seu estilo, no seu estilo; que é o seu modo de entender ou interpretar, e outra “novidade”, a gran novidade da súa pintura. Orixinalísimo, este marabilloso ceo —coa súa estrela e todo, tras a bela montaña— non lembra ningún outro ceo de ningún outro pintor. É único.