AS VACAS (a Guinda, a Dourada e a Morita) E A XENA, NA LAMADOCREGO
Comentario do arquivo · 33/47
AS VACAS (a Guinda, a Dourada e a Morita) E A XENA, NA LAMADOCREGO
Óleo sobre lenzo. Colec. Deputación de Ourense.
Vigorosa composición, e tenra á vez, como a pradeira, como a auga; sólida
como as pedras do muro ou contención, ou como os troncos dos chopos ou amieiros; sutil como as súas ramas espidas, e desbordante e contida como a mesma fervenza e o anterior e posterior remanso. Pintura loxicamente moi construída e preparada de antemán. Pero chea de cor, de vida. Prodixioso primeiro plano, que se remonta sobre o río, sobre a fervenza e sobre as escuálidas vacas, “maxistrais”. Vibra a pradeira, palpitante, estremecida; e elaborada nunha linguaxe nova, intemporal, coa que Yosso achega unha nova dimensión e unha maneira inédita de dicir as cousas. Vibra a auga do río que logo salta na fervenza. E vibra o aire. E vibra a emoción dunha pintura que vai máis alá da reprodución ou representación natural, tentando crear un clima idealmente situado máis alá da percepción física das cousas.