JARDIN DE LA RÉVOLUTION (CYGNES)
Óleo sobre lenzo, 51 x 37.
Detrás de Yosso está a luz entre as pinceladas do Impresionismo. Pero detrás do Impresionismo están Giorgione, Tiziano, Velázquez, Vermeer, Frans Hals, Rembrandt, Goya, Turner, Guardi, Constable, Corot…, ou o mesmo Rubens en Renoir a través de Delacroix. Todos chegan así a Yosso, e a través dunha admiración, case veneración, profunda das súas obras. Así que Monet, Renoir, Van Gogh e todos os seus outros pintores favoritos estarán en certo modo presentes en Yosso, polo menos como fondo estético diferencial: “sen perder por iso o contacto coa constante da gran pintura”. Aparecerán, pois, de cando en cando, o claroscuro dourado do mestre Rembrandt, a claridade nacarada de Renoir, o atraente preciosismo e minuciosidade de Vermeer ou o escultural debuxo de Miguel Ángel e, en fin, todo o que o espírito capta debaixo da superficie das cousas. A luz, o feitizo da luz interior, será tamén con frecuencia a protagonista, a que revele os segredos interiores, as verdades íntimas. O mellor do cadro, o rico sentido da cor e o fondo dourado dos edificios apenas esbozados.