A XENA PACENDO NA CORGA
Óleo sobre lenzo, 63 x 76.
Sempre en conexión panteísta coa natureza, Yosso coñece e ama cada árbore, cada espiga, cada flor, cada herba, cada recuncho, e como non, os animais: vacas, ovellas, cabras, gatos…, todo o que o rodea; revelándonos con cariño e exactitude e aínda certa paixón non só os lugares amados do seu contorno vital senón tamén os seus protagonistas. E se pinta só o que coñece e ama é porque así, di el, goza máis e o resultado tamén loxicamente lle resulta máis satisfactorio: sáelle mellor. A súa pintura é unha pintura sincera e sentida. Con grande amor, ás veces mesmo con certo apaixonamento, pero sempre con gran mestría estética e técnica, e concienciudamente, sen présas, con paciencia infinita, vai recreando toda esa realidade, todo ese contorno. Con frecuencia, no seu propio e singular estilo, que polo seu innovador ou renovador sentido da cor e da técnica, con esas soltas e esenciais pinceladas que por todas partes progresivamente decrecendo ou agrandándose se afastan ou se nos achegan, e polo seu sentido poético, reviste as súas paisaxes de misterio. Ou de suave misticismo. Un sopro de aire puro e fresco osixena todas as súas obras; que son como berros da natureza. E nelas a maxia da cor convértese en poesía. Magnífica a densa arboreda do fondo. Magnífica a pradeira. Magnífica a cabra: “a Xena”, co misticismo da súa escintilante brancura no centro do cadro.