← Comentarios de obras

ESTRADA A VALBUXÁN

Comentario do arquivo · 28/47

ESTRADA A VALBUXÁN
Óleo sobre lenzo, 50 x 70.

Labor solitario e calado o de Yosso ao entregarse á pintura —e á poesía— enteiramente, dándollo todo, e sen nada pedir a cambio; sen para nada querer depender doutra cousa para vivir, isto é, para ser unicamente iso, pintor “puro”, poeta “puro”; e cumprir así o seu destino; aínda que aceptando a posibilidade de quedar no camiño sen conseguir nada, xa que “nada pedía a cambio”, e ademais que ese precisamente fora tamén o destino dos pintores que el máis amaba. Labor solitario, calado, na maior soidade, desde as raíces, tenaz, chocando coa dura realidade, e clandestino; como o dun prisioneiro que cava o túnel da súa liberación arrincado ás sombras nunha procura esgotadora; pincelada a pincelada, verso a verso. Acesas faíscas de cor e vida. O túnel: a estrada a Valbuxán, bordeada pola espesa arboreda e cara ás azuis montañas do fondo. Da súa liberación: a obra feita, lonxe “nas horas de cinza” ou no seu “Retorno a Valbuxán” ou “Etapa verde”; como esta pintura de perspectivas infinitas e límpido cromatismo, onde a forza de expresión, a frescura da cor e a mestría do pincel se unen nun himno apaixonado á bela natureza. Insuperables a parte dereita do cadro ou da estrada, e ao fondo a clara profundidade aérea.