NEVA EN VALBUXÁN
Óleo sobre lenzo, 50 x 74.
Dentro dunha poética de raíz realista, o exquisito refinamento cromático, a frescura do trazo, a perfección e delicadeza sensitiva do debuxo, a pureza, transparencia, xenerosa entrega, suave misticismo…, toda a poesía de Yosso condénsase aquí. Toda a poesía de José de Vvalbuxán, “o seu outro eu”, está condensada nestes versos confidenciais e apaixonados: “Voy a desnudar el alma / para dársela al invierno, / para convertirla en copos / e irla dejar cayendo”. Non cabe máis comuñón coa natureza. O cadro é perfecto, perfecto é o debuxo, perfecta a composición e exacto o colorido. Non importa que unha árbore sexa azul. Será polo frío, porque tamén en “Crepúsculo” eran vermellas. E cae a neve. Está caendo. Pero máis alá da percepción física das cousas creouse un clima ideal; e pola pradeira o estilo de Yosso fai perspectivas das súas. Outro gran cadro. Outra obra mestra.