← Comentarios de obras

A XENA E A PINTASILVA NO POZOVELLO

Comentario do arquivo · 26/47

A XENA E A PINTASILVA NO POZOVELLO
Óleo sobre lenzo, 54 x 74.

Pintura verdadeira, lirismo profundo, garra expresiva. Maxistral composición vibrante de cor, de luz e de vida. E pintada coa maior sinceridade e o maior dominio. Moitos foron os ensaios previos, a lapis, a bolígrafo, ao carbón, pero aínda que fosen longas as meditacións e moitos os preliminares, nada altera a súa tremenda serenidade, a calma ambiental, nin a súa harmonía. O río vai lento lambendo a pradeira onde pace “a Pintasilva”; lambendo as raíces dos chopos cortados, fronte a esta beira onde “a Xena” despunta os gromos novos; e cúrvase ao topar coa pena; e pasa baixo un rústico “pontón”, que o mesmo Yosso fixo; e xa se perde alá onde a arboreda tamén se esvaece ao fondo. Todo resplandece: a pradeira, o río, os fantásticos cortes dos chopos, este marabilloso do primeiro plano onde hai pegado de todo para maior expresividade; e todo o primeiro plano, incrible, valente, onde as pinceladas se foron agrandando libres e esenciais. Belísima e maxistral paisaxe que todo crítico pretendeu achegar ás súas preferencias. Pero a pintura de Yosso é inclasificable e “calquera etiqueta ou ismo acaeralle como traxe de bazar ou non feito á súa medida”. Dixen.