L`ÉTANG BLEU
Óleo sobre lenzo, 63 x 76. Narbonne, 1974.
Os cisnes, todos os cisnes que aparecen ou que nos miran desde os cadros de Yosso —agás os do «Estanque verde» (L`étang vert), nos que as plumas das ás se conseguiron, tamén maxistralmente, a punta de navalla—, aparecen amorosamente acariñados polo pincel, modelados polo pincel; de xeito que se sente o gozo que tivo Yosso ao pintalos. O estanque resólvese nun estilo completamente distinto ao do «Estanque verde», aínda que este do «Estanque azul» sexa o que máis se identifica ou identificamos co «estilo» de Yosso, que achega así unha nova maneira ou perspectiva, unha nova luz ou un novo estilo: estilo que queda suficientemente explicado, por exemplo, en «Estrada Valbuxán- o Bolo». Se non fose polo fondo dos troncos das árbores e o seu reflexo, o cadro podería moi ben colocarse ao revés: tan real é o reflexo dos cisnes. Sen dúbida esta é unha das obras máis belas de Yosso.