← Comentarios de obras

SEGA DA HERBA NA LAMADOCREGO

Comentario do arquivo · 22/47

SEGA DA HERBA NA LAMADOCREGO
Óleo sobre lenzo, 54 x 73.

Con po de pedras preciosas parecen ter sido fabricadas as cores para toda esta riqueza extrema dunha materia pictórica que se nos ofrece cun cromatismo intenso, radiante, vigoroso. «Sega da herba na Lamadocrego» é unha das obras de Yosso que máis calan nos iniciados: pintura con maiúsculas, pintura de primeira calidade, realizada non só con sinceridade absoluta, senón tamén con mestría absoluta. Conseguíronse todas as posibilidades expresivas, e para máis forza, expresión e impacto, os lirios do primeiro plano no río convertéronse (imposible!) en pitas ou ágaves; e as figuras intégranse tanto na paisaxe que case se confunden. Temos que descubrilas. Onde comezan os personaxes? Onde acaba a natureza? É, aínda que non o pareza en modo ningún, a mesma paisaxe (o mesmo esquema) de «Abedules junto al río».