← Comentarios de obras

SEGA DA HERBA NA POULA DO PIVE

Comentario do arquivo · 21/47

SEGA DA HERBA NA POULA DO PIVE
Óleo sobre lenzo, 50 x 74.

Xa o dixemos. O soberbio colorido e o perfecto debuxo serán sempre os elementos máis poderosos nas obras de Yosso. Os que de forma máis inmediata producen máis impacto. Un cromatismo luminoso, radiante, e un debuxo, coma sempre, infalible, perfecto. E conste que o debuxo perfecto non é cuestión de resultados inmediatos ou instantáneos, senón dun proceso de refinamento. Si. É estupendo atoparse con cadros coma este, que destacan así polo seu brillo e luminosidade e o seu impecable deseño. Vese un esmerado debuxo preparatorio. Pero mesmo comezando por un elaborado debuxo, as cores toman posesión do cadro no instante mesmo de comezar a aplicar a pintura. De aí ese vigor como acabados de facer. As figuras que segan, ben conectadas entre si nunha secuencia en profundidade, parecen adoptar unha acomodación rítmica no espazo, similar á adoptada por unha avanzadiña. E máis arriba á dereita o aire parece circular entre as árbores.