MATERNITÉ
Óleo sobre lenzo, 74 x 50. Narbonne, 1974
O gran Eugenio Montes —que foi quen me descubriu a Yosso, aínda que eu xa o coñecía e mesmo escribira de pasada sobre el— dicíame precisamente deste cadro que lle lembraba un pouco a Diego Rivera. Non sei. Mesmo dentro dos diferentes estilos seguidos por Yosso na súa pintura, «voos persoais, ao seu aire», non é doado nin frecuente relacionalo con outros pintores. É moi persoal. Persoalísimo. «Un pintor distinto, creador dun estilo diferente», como escribiu Celso Emilio Ferreiro. O de Renoir, Van Gogh e Monet é cousa á parte, pois xa aos once anos empezou a coleccionar postais dos seus cadros grazas a un amigo francés co que lle tocou cartearse desde o colexio escolapio de Getafe. E xa despois, París, aos dezanove e vinte anos, e isto si que contou moito. «Maternité» está feita en Narbona no 74. Hai outras maternidades. Pero agora fago memoria das trece ou catorce fabulosas maternidades —maternidades inventadas— coas que se ilustrou «A festa das festas», especialmente «Fonda aperta», e que mesmo farían válido o libro por si soas. Desta clara e brillante maternidade de intensas e apaixonadas cores poderíanse dicir moitas cousas; diríase mesmo que a nai é demasiado nova. E ben. Tamén o era na «Pietá» de Miguel Anxo.