CREPÚSCULO EN VALBUXÁN
Óleo sobre lenzo, 54 x 73. Museo de los Caminos, Palacio de Gaudí, Astorga.
«Na excelencia da súa arte clara e profunda, e na mestría do seu oficio, YOSSO constitúe un caso á parte, inclasificable: orixinalísimo creador dunha poética pictórica de sólida raizame realista, introdúcenos nunha nova dimensión e nunha nova linguaxe, de gran comunicación, co exquisito refinamento cromático da súa pintura “tan verdadeira”, e a perfección e delicadeza sensitiva dos seus debuxos incribles. Tanto na pintura coma na poesía non describe, senón que vive». Este encabezamento que Fraga de Lis lle pediu para a súa revista a Santiago Amón introdúcenos agora neste belo «crepúsculo», que, malia a súa orixinalidade indiscutible, fai pensar nos mellores que abordasen o tema: que aquí Yosso borda cunha suavidade aveludada e cálida. É a estraña púrpura do atardecer na magnificencia do ocaso, onde o esplendor cromático «posúe a mesma riqueza de efectos cegadores ca unha xoia». O cadro foi portada no 86 dunha revista de Madrid.