← Comentarios de obras

OVELLA E CORDEIRO NO CORGUIÑO

Comentario do arquivo · 16/47

OVELLA E CORDEIRO NO CORGUIÑO
Óleo sobre lenzo. Colec. Deputación de Ourense.

Esta orixinalísima, belísima sinfonía, que algúns consideran «unha das máis belas pinturas que se poidan ver», ben pode ser unha das composicións máis logradas do artista e unha das paisaxes que mellor poderían representar a súa terra galega, a Galicia interior. Concibida ao revés de como o faría calquera, a ovella e o cordeiro —como unha maternidade—, aínda que maxistrais, quedan nun segundo plano, mentres a pradeira florecida se impón con todo o seu esplendor e o protagonismo escintilante dun estilo enteiramente novo, acabado de crear. Ninguén antes ca Yosso usou así as pinceladas para conseguir as perspectivas. Tratada con lirismo e sinxeleza, esta radiante pintura onde os verdes palpitantes se espiden na pradeira irradia vida, luz e cor e cativa pola súa gran beleza e harmonía.