SEMENTANDO PATACAS
Óleo sobre lenzo, 54 x 73.
Yosso é tamén un dos artistas que, ao enfrontarse coa nosa paisaxe, a resolveu non só coa maior destreza, delicadeza e sensibilidade, senón tamén con máis orixinalidade. Paisaxes puras e refrescantes. Serenas, equilibradas, luminosas. Pero palpitantes, estremecidas. E que ás veces se animan aínda máis coa presenza de animais familiares con nomes propios, ou se humanizan en ancestrais labores labregos, evocación quizais dun pasado paraíso perdido onde «o traballo era benaventuranza e non o castigo que fai brillar a suor na fronte despois do fatigoso labor». Difícil escoller, imposible decidirse por unha soa delas. Sexa este detalle central do cadro onde aparece o seu pai arando.