A PONCHA (A ponte de Valbuxán)
Óleo sobre lenzo, 50 x75.
«A Poncha» é, xunto a «Ovella e cordeiro no Corguiño», «O Pombal», «Eirexa de Valbuxán», «Pradeira infinda», «Molino de viento», «La orilla» e «Sinfonía marina», entre outros, o máis claro exemplo ou expoñente do novo estilo traído por Yosso, creado por Yosso: unha nova maneira de facer, unha linguaxe nova, unha nova caligrafía, «un eslabón máis», dicía Blanco-Amor; e que Gerardo Diego e o Marqués de Lozoya explicaron así: soltas pinceladas que se van gradualmente agrandando cara a nós, cara aos primeiros termos, ou gradualmente empequenecendo cara ao fondo. Unha intensa e clara pureza, serenidade e harmonía despréndese destas orixinalísimas e singulares composicións, «espléndidas poesías cromáticas», de Yosso. E a plenitude do seu estilo queda ben patente nestas obras. «Querido Yosso —escribíalle Leonie Pilart en Londres—, os teus traballos son excelentes. Continúa coa túa obra artística, serás un dos grandes artistas». Si. Yosso é unha das páxinas máis positivas da nosa pintura contemporánea. Toda a súa obra demostra e evidencia a súa condición de gran artista e aínda máis a súa capacidade de ser fiel a si mesmo, aos seus sentimentos, como resposta a un mundo que, sendo como é, el non comprende.