← Comentarios de obras

IGREXA DE VALBUXÁN

Comentario do arquivo · 11/47

IGREXA DE VALBUXÁN
Óleo sobre lenzo, 50 x 70. (Museo de los Caminos, Palacio de Gaudí, Astorga)

Aínda que arrinque do Impresionismo de fin de século, e de Renoir, Monet e Van Gogh particularmente, a obra de Yosso responde a variados estilos. Pero hai un estilo que lle é de todo propio, unha maneira de facer só súa, porque el é o creador, o primeiro en conseguir a profundidade, as perspectivas e os efectos que isto leva consigo en texturas, composturas e planos: a base de soltas pinceladas que se van gradualmente empequenecendo ata perderse nas lonxanías ou gradualmente agrandándose, «valentes e libres», ata os primeiros planos. Ningún pintor antes ca el usou así as pinceladas para conseguir as perspectivas. Exemplo: esta espléndida, luminosa, resplandecente «Iglesia de Valbuxán» que, como para Vincent van Gogh a «Iglesia de Auvers», por si soa abondaría para inmortalizar o nome de Yosso. As perspectivas e a vibración da atmosfera cristalizan. A luz non flota, senón que está viva en cada pincelada dando á cor toda a súa forza resplandecente.